jueves, mayo 16, 2024
InicioComarcasLouriñaEntroido multitudinario no Porriño

Entroido multitudinario no Porriño

1400 participantes nos desfiles encherán de cor e música as rúas da vila

No Porriño xa está todo listo para celebrar o Entroido. Tralos últimos anos marcados polas restricións retómanse estas festas cunha celebración multitudinaria que encherá as rúas de cor, música e humor.
A programación preparada dende a concellería de Festexos, que dirixe Bienvenido Estévez, presentouxe hoxe xunto ao CEIP Xosé Fernández López, xa que será unha alumna deste colexio, Helena Gayoso, de 11 anos de idade, a encargada de ler o pregón xunto aos seus compañeiros dende o balcón da casa consistorial como marca a tradición. O seu deseño foi o gañador do II Concurso Escolar de Carteis convocado dende a concellería de Educación e polo será a imaxe deste Entroido.
Tal e como explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, a vila superarase este ano congregando a 14 comparsas con 1400 participantes nos desfiles do sábado 18 e o martes 21, que cos seus disfraces e coreografías farán as delicias do público.
Non faltarán as tradicionais citas co Xogo da Ola, que este ano chega á súa 79 edición, e co Enterro da Sardiña, que estará precedido polo pertinente velorio no Círculo Recreativo Cultural.
A música xoga un importante papel na programación, xa que ao rematar os desfiles a festa non parará. O sábado actuarán o grupo Broken Peach e o dj urbano con máis sona do momento, Alvama Ice, acompañado por Omy Cid. O martes o fará a Orquestra América. Será na praza Arquitecto Antonio Palacios con entrada gratuíta.
Os máis pequenos tamén terán momentos para eles, con obradoiros infantís de Entroido na praza e inchables.
“É o momento de deixar de lado os problemas e preocupacións do cotiá e gozar xuntos do noso entroido, unha festa que no Porriño vivimos con moita intensidade”, explicou o rexedor, que felicitou á pregoeira e convidou a todo o mundo a encher as nosas rúas e desfrutar do que o Entroido porriñés ofrece.
II Concurso Escolar de Carteis de Entroido: a inclusión como mensaxe
A inclusión está moi presente no deseño de Helena Gayoso. Tal e como explicou “no meu cartel quixen reflectir a idea de que o Entroido do Porriño é para todos e todas, unhas festas das que podemos desfrutar todos por igual”.
O seu cartel, ademais de impoñerse na súa categoría, foi o elixido polo xurado -formado polo alcalde, Nuria Vilanova, Juancho, Nito Pereira, Andrea González e Chelo Rodríguez- de entre os máis de 200 que se presentaron.
No concurso tamén resultaron premiados Lara Villanueva (1º Categoría de 6 a 8 anos), Julia Varela (2º Categoría de 6 a 8 anos) , Xoel Conde (3º Categoría de 6 a 8 anos), Mara Vicente (2º Categoría de 9 a 12 anos), María Delgado (3º Categoría de 9 a 12 anos), Laura Puime (1º Categoría de 13 a 16 anos), Sara Romero (2º Categoría de 13 a 16 anos) e Alicia Rodríguez (3º Categoría de 13 a 16 anos).

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES