lunes, mayo 6, 2024
InicioComarcasLouriñaUnha tonelada de caramelos na cabalgata de Reis no Porriño

Unha tonelada de caramelos na cabalgata de Reis no Porriño

Na tarde do xoves 5 os Reis chegarán en camelo e desfilarán dende o pavillón ata a casa do Concello, onde farán unha recepción dos máis pequenos

O Concello do Porriño ten o pracer de anunciar a visita das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente. Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán á vila da Louriña en camelo o día 5 de xaneiro. Irán acompañados dun enorme séquito formado polos seus paxes reais, a rondalla de Atios, a rondalla de Pontellas, o Tren do Nadal, os seus amigos da Patrulla Canina e moitos personaxes que farán as delicias dos máis pequenos e pequenas na noite máis máxica do ano.
Os Reis sairán nas súas carrozas cara o centro ás 18.00 horas da rúa Doantes de Sangue. Percorrerán Antonio Palacios, continuarán por Domingo Bueno, Fernández Areal, Manuel Rodríguez e Ramón González ata chegar á praza Arquitecto Antonio Palacios. Durante o traxecto, as súas Maxestades repartirán 1.000 quilos de caramelos sen glute.
Unha vez alí, subirán á casa consistorial onde recibirán ás nenas e nenos que se acheguen a saudalos, escoitarán os seus desexos, collerán as súas cartas e conversarán con eles antes da máxica visita que lles farán pola noite.
Dende o Concello sinalan unha serie de recomendacións de seguridade:

  1. Non utilizar o paraugas para recoller os caramelos. O seu mal uso pode ser perigoso.
  2. Non baixen das beirarrúas nin salten os valados de seguridade. Manterse a unha distancia prudencial das carrozas é sempre unha boa opción.
  3. Lembren que unha carroza parada pode poñerse en marcha en calquera momento, así que é mellor non deixar que as crianzas se acheguen a elas.
  4. É importante colocar ás crianzas en lugares seguros e a unha distancia prudente das carrozas.
  5. Non distraer aos condutores que levan os vehículos da Cabalgata.
  6. Non perder de vista ás crianzas. Pode soar obvio pero telos localizados en todo momento evitará algún que outro susto.
  7. É recomendable que as crianzas leven anotado nunha pulseira ou tarxeta o seu nome e un teléfono de contacto por se se perden.
  8. Explicar aos nenos e nenas que deben facer no caso de perderse: dirixirse a un axente da Policía Local ou a un voluntario de Protección Civil.
ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES