lunes, mayo 20, 2024
InicioComarcasLouriñaIván Raña, padriño do VII Tríatlon Concello do Porriño

Iván Raña, padriño do VII Tríatlon Concello do Porriño

A proba, para a cal a inscrición segue aberta ata o 12 de xullo, celebrarase o vindeiro sábado día 16 a partir das 17.00 horas

O vindeiro sábado 16 de xullo numerosos atletas percorrerán os 25.950 km de circuíto do Tríatlon Concello do Porriño, entre eles, o campión do mundo, Iván Raña que ademais de participar este ano apadriña o evento.

Este mediodía presentouse a proba deportiva, que tras o parón derivado da pandemia chega a súa sétima edición, coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete Lasa; os concelleiros de Deportes do Porriño e Tui, Abel Estévez e Rafael Estévez, respectivamente; o Comandante Naval do Miño, Pablo Redondo Belzunce; o Sarxento Primeiro do Posto de Tráfico do Porriño, Daniel Castelo Baz; o Director Deportivo da Fegatri, Carlos David Prieto e o padriño da proba, Iván Raña. Tamén estiveron presentes representantes dos clubs colaboradores.

“Este será o meu primeiro Triatlón como alcalde e é toda unha honra ter contado co respaldo e colaboración total do tecido deportivo do Porriño para os que non teño máis que palabras de agradecemento”, afirmou o alcalde. “Moitísimas grazas a todos e todas os voluntarios e voluntarias, clubs deportivos, Protección Civil, Policía Local, Garda Civil, Concello de Tui, Xunta de Galicia, a todos os que facedes que posible que un evento desta magnitude teña lugar na nosa vila”. O rexedor, lembrou que a inscrición sigue aberta ata as 23:59 horas do 12 de xullo e que “a día de hoxe son preto de 200 os inscritos”, animando a todo aquel que queira a “participar e competir, nada máis e nada menos, que cun campión do mundo”.

Pola súa banda, Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete, destacou o nivel desta proba que, na súa séptima edición demostra “o deporte non para, que o deporte galego loita contra todas circunstancias e continúa grazas á disciplina”. Lete Lasa quixo poñer en valor a figura de Iván Raña “pioneiro do triatlón galego e grazas ao cal esta modalidade hoxe en día é o que é en Galicia”.

O concelleiro de Deportes do Porriño destacou que “retomar esta actividade é moi importante para nós, xa que podemos presumir de ter un tríatlon popular de alto nivel”. No mesmo sentido se expresou o seu homólogo de Tui que afirmou que “este ano vai ser unha proba moi bonita” e agradeceu “en especial ao Comandante Naval do Miño, xa que grazas a el poderemos ter unha proba de calidade, e tamén aos clubs tudenses, Policía Local e Protección Civil de Tui”

Como cada edición, o tramo de natación sprint é de 750 metros e desenvolverase no río Miño fronte á sede da Comandancia Naval de Tui. O tramo de bicicleta é de 20,2 quilómetros entre Tui e O Porriño e finalmente a carreira pedestre cun percorrido de 5 quilómetros, dispútase no casco urbano do Porriño.

Na edición deste ano a iconografía e cartelería xira en torno á bandeira multicor sumándose, tal e como explicou o alcalde, ao “movemento en defensa da diversidade e pola igualdade de dereitos das persoas LGTBIQ+”, en definitiva, “un evento deportivo de alto nivel que reivindica unha sociedade máis libre e respectuosa”.

Mini Triatlón

Os máis pequenos tamén terán a súa proba: o Mini Triatlón. Disputarase o mesmo día en horario de mañá e poden participar os nenos e nenas de entre 4 e 10 anos acompañados por un adulto. O único requisito será saber nadar 25 metros ininterrompidamente e saber andar en bicicleta.

Terán que completar 25 metros na piscina municipal, 700 metros en bicicleta dende a piscina ata a igrexa e alí farán a transición para encarar os 300 metros de carreira a pé ata o Concello.

Para esta modalidade, a inscrición está aberta ata o 10 de xullo ou ata completar as 45 prazas. Para máis información e inscricións deben achegarse á piscina municipal ou chamar ao número de teléfono 986 344 420.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES