martes, abril 23, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño recupera os seus xogos olímpicos

Porriño recupera os seus xogos olímpicos

Volve Porrigalia. Galos, castrexos, exipcios, romanos e gregos daranse cita os días 1, 2 e 3 de xullo na vila do Louro.

O Porriño volve transformarse en sede dos xogos olímpicos que reúnen ás principais civilizacións. Galos, castrexos, exipcios, romanos e gregos loitarán esta fin de semana impoñerse nos VI XOGOS OLÍMPICOS DO PORRIÑO. PORRIGALIA 22.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polos concelleiros de Cultura e Comercio, Bienvenido Estévez e Antía Carrera, respectivamente, o presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño AHOSPOR, José Manuel Fernández e representantes de anpas, asociacións e clubs participantes na organización, presentaron esta mañá a programación do que “sen dúbida é o evento do verán”.

Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño:

Porque Porrigalia vai moito máis alá duns xogos olímpicos, xuntando o deporte con música, actividades infantís, gastronomía e espectáculos para todos os públicos. “Se había unha actividade que creo merece a pena recuperar é Porrigalia, e así facíamo saber a veciñanza”, afirmou o alcalde. “Porque non só é festa, deporte e convivencia, senón tamén un verdadeiro revulsivo para a hostalería e o comercio local. Son días de divertirse, compartir e dinamizar a vila”. Lorenzo agradeceu a implicación do tecido asociativo, hostaleiros, clubs deportivos e anpas que se implicaron nesta festa. “Sen eles non sería posible, Porrigalia é unha festa de todos e para todos”, concluíu.
Un agradecemento ao que se sumou o concelleiro de Cultura animando á xente a “divertirse, gozar e vivir a fondo estes días no Porriño”.
Pola súa banda, o presidente dos hostaleiros quixo poñer en valor a iniciativa e o que supón para hostalería local. “Son 25 os locais que participarán da programación, transformándose para a ocasión”, explicou. “Recuperar Porrigalia para nós é moi importante, é o mellor evento de ocio, e neste momento é moi necesario”.

Probas olímpicas
Un dos eixos principais desta festa son os particulares Xogos Olímpicos nos que todo o mundo pode participar. As Olimpíadas do Porriño comezarán o venres 1 de xullo, ás 20.00 horas, co Gran Desfile Olímpico coas anpas dos centros educativos do Porriño como protagonistas, acompañadas pola garda pretoriana romana, charangas e asociacións culturais, veciñais e sociais.
Ao rematar o desfile, o alcalde do Porriño recibirá ao Rei Castrexo Breogán (interpretado por Pepo Suevos) e será destronado, entregando por uns días o bastón de mando. De seguido chegará un dos momentos máis especiais co acendido da chama olímpica (22.00 horas).
O sábado 2 de xullo a xornada comezará cun gran desfile coroado co pregón de Maxi e a partir das 19.00 horas na rúa Domingo Bueno disputaranse as Olimpíadas Técnicas con probas de loita, carreiras de 100 metros, carreiras de 4×100 m, salto de lonxitude, salto de altura e lanzamento de peso.
Xa o domingo 3 de xullo serán as probas olímpicas, a partir das 10.00 horas, e os xogos populares, a partir das 19.00 horas, abertas á participación de calquera persoa previa inscrición a través da web www.porrigalia.org ou no mesmo día de maneira presencial na zona de xogos.

Música
As Olimpíadas do Porriño terán tamén a súa banda sonora con varios concertos ao longo dos tres días que dura o evento. O venres actuarán as Girls Gang, King-Kids e Dj Pitty e o sábado Os Corivantes, A Banda da Loba e os DJs Javi Reina, Traffic House e Samu Pexe.
E como vén sendo tradición, o broche final correrá a cargo de Troula e o seu lume, que serán os encargados de devolver o bastón de mando ao alcalde do Porriño preto xa da medianoite do domingo.

Toda a programación pode consultarse en www.porrigalia.org

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES