domingo, abril 28, 2024
InicioComarcasLouriñaMáis de 100 persoas en 3 días reciben Coidados Porta a Porta...

Máis de 100 persoas en 3 días reciben Coidados Porta a Porta en Mos

Maiores de 55 anos teñen cita gratuíta, desde onte e ata mañá, para servizos de podoloxía, audioloxía e memoria.

O autobús de Coidados Porta a Porta chegou a Mos onte mércores e estará ata mañá xoves ao carón do Multiusos das Pozas para ofrecer servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria aos maiores. En total atenderanse a 102 persoas nestes 3 días: 35 usuarios do servizo de podoloxía, 27 de memoria e 40 de audición.
Esta mañá visitaron o bus no momento da súa apertura ao público o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, e o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, acompañados pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro.
O autobús de Coidados Porta a Porta regresará a Mos noutras 2 ocasións máis, dada a alta demanda e para que ninguén quede sen o servizo no que estaba interesado/a.
Nel aténdese de maneira gratuíta ás persoas maiores de 55 anos en horario de 09.00 horas a 20.00 horas.
O autobús de Coidados Porta a Porta, promovido pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, ofrece servizos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores da localidade de maneira gratuíta.
O programa Coidados Porta a Porta, posto en marcha pola Consellería de Política Social, leva xa atendido a numerosas persoas en diferentes localizacións das catro provincias da xeografía galega.
En cada un dos concellos polos que pasa, este autobús permanece tres días ofrecendo servizos destinados aos maiores de 55 anos.
A Xunta de Galicia inviste 10 millóns de euros nesta iniciativa pioneira, que permite achegar a todos os galegos revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES