viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasLouriñaLicenza de primeira utilización para 3 das 11 empresas que conforman o...

Licenza de primeira utilización para 3 das 11 empresas que conforman o proxecto singular PEMOS-18

O complexo de naves modulares promovido por Aemos na Veigadaña bota a andar coas primeiras empresas traballando xa nas súas novas sedes

O Concello de Mos aprobou este mércores 20 de abril en Xunta de Goberno a licenza de primeira utilización das 3 primeiras empresas instaladas no proxecto singular de naves modulares de AEMOS no Polígono da Veigadaña, PEMOS-18. As 3 empresas que ocupan un total de 6 parcelas son Trans 2005, Tecnomicra e Tecdisma.

Trans 2005, con actividade como operador loxístico, ocupa as parcelas M1, M2 e M3 que suman unha superficie total de 4.490 metros cadrados. Tecnomicra pola súa banda, é un establecemento industrial para planta de mecanizado de pezas e fabricación de utillaxe, que ocupa as parcelas M6 e M7 sumando unha superficie total de 2.507 metros cadrados. E por último, Tecdisma é un establecemento industrial para planta de deseño e fabricación de útiles para máquinas ferramentas que se asenta na parcela M10 cunha superficie de 1.248 metros cadrados. Estas 6 parcelas suman unha superficie total de 8.245 metros cadrados.

Proxecto singular
As 18 parcelas nas que se construíron as 11 naves modulares que conforman o proxecto singular PEMOS-18 suman 24.000 metros. 5 cinco destas 11 empresas solicitaron dúas ou máis parcelas deste proxecto que foi declarado e recoñecido pola Xunta de Galicia como singular.
A Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS, impulsa este proxecto conxunto de implantación para PEMES en 18 parcelas do Polígono da Veigadaña.
A inversión total realizada polas pequenas empresas que se instalarán nas 18 parcelas supón máis de 11 millóns de euros. Unha total aposta por Mos nestes momentos de especial incerteza económica.
Este proxecto singular está composto por firmas, na súa maioría, vinculadas ao sector da industria do automóbil e auxiliares, que crearán ao redor de 40 novos postos de traballo e suporán a consolidación de máis de 300 postos de traballo. O recoñecemento da singularidade deste proxecto mostra que os pequenos unidos conseguen ser fortes á hora de acometer investimentos de gran calado e de xerar emprego, así como de poder acceder ás mesmas bonificacións que as grandes empresas.
Enténdense por proxectos empresariais singulares aqueles que xustifiquen o carácter estratéxico da súa actividade ou localización na política económica ou as especiais necesidades de chan pola actividade para desenvolver. Co fin de conseguir a óptima satisfacción do interese xeral en materia de solo empresarial. Os proxectos empresariais singulares son declarados pola Presidencia do IGVS, a proposta da Dirección Xeral e tras os informes técnicos oportunos.
“Este proxecto é un claro exemplo de colaboración entre empresas que se unen para sumar forzas. Non en balde, as once empresas implicadas -maiormente relacionadas co sector da automoción- foron pioneiras en conformar o primeiro dos proxectos empresariais singulares declarados pola Xunta no que se unen varias entidades, co obxectivo de adquirir chan empresarial e aproveitar sinerxías”, declarou sobre o mesmo a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, que hoxe celebraba a boa nova da primeira utilización das 3 primeiras empresas instaladas.
Este proxecto singular supuxo unha bonificación de chan industrial por parte da Xunta de preto de 900.000 euros. Destas 11 empresas, unha optou pola adxudicación en dereito de superficie; e as outras dez optaron por comprar o resto de parcelas, por un importe de máis de dous millóns de euros.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES