miércoles, abril 24, 2024
InicioNewsO PaísOs coidados "porta a porta" chegan a máis de 100.000 galegos

Os coidados «porta a porta» chegan a máis de 100.000 galegos

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo,  presidiu a presentación do tráiler Coidados porta a porta.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou este martes a posta en marcha do autobús de Coidados porta a porta que percorrerá todos os concellos de Galicia -agás as sete cidades- para levar servizos especializados de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria á porta da casa de máis de 100.000 galegos.

“A partir de hoxe, oito autobuses comezarán a percorrer a xeografía galega e permanecerán entre tres e catro días en cada concello, de xeito que, en lugar de desprazarse o veciño ata o servizo, será o servizo quen se achegue”, aseverou, ao tempo que precisou que deste servizo poderán beneficiarse todas as persoas maiores de 55 anos, con cita previa e de xeito totalmente gratuíto.

Logo de destacar que esta iniciativa contará cunha achega entre 2022 e 2023 de preto de 10 millóns de euros, Feijóo quixo agradecer durante o acto de presentación a colaboración de todos os concellos así como de Afalu, a entidade social que xestionará este servizo, xunto cunha compañía de unidades móbiles.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta aseverou que a Administración autonómica seguirá traballando para avanzar cara á igualdade entre todos os cidadáns, vivan onde vivan, reducindo ao mínimo as diferenzas de accesibilidade aos servizos públicos en toda a xeografía galega.

“O rural crece a través de medidas que melloren a vida dos veciños”, dixo, incidindo en que apostar polo rural é a mellor política demográfica e a base dunha economía sustentable.

Nesta liña, reiterou o compromiso cun rural no que a xente poida vivir e do que a xente poida vivir, recordando, por exemplo: a aposta pola profesionalización dos produtores e pola industria agroalimentaria; a racionalización da estrutura agraria; e o aproveitamento sustentable do monte, a través dun plan forestal. 

Así mesmo, referiuse ao programa Impostos cero no rural, que bonifica a fiscalidade da compravenda e agrupación de fincas ou a adquisición dunha vivenda para a mocidade, as familias numerosas e as persoas con discapacidade. Ademais da posta en marcha das casas niño e das casas do maior, en concellos que non tiñan escola infantil ou centro de día; e do reforzo da atención a domicilio das persoas dependentes, cun Servizo de Axuda no Fogar que, cun investimento anual de máis de 100 millóns de euros, beneficia a máis de 24.000 galegos. 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES