viernes, abril 19, 2024
InicioNewsComarcasO Xeodestino Condado Paradanta preséntase como unha opción de turismo internacional

O Xeodestino Condado Paradanta preséntase como unha opción de turismo internacional

A comarca presenta en Fitur o seu particular pasaporte e os circuítos BTT e de trail

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Condado Paradanta presenta hoxe o territorio na Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se está a celebrar en Madrid. Trátase do quinto ano que esta agrupación que representa a dez concellos (Arbo, A Cañiza, O Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Ponteareas, Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas) está presente no stand de Galicia.

Nesta ocasión dende o GDR vólvese a facer unha aposta polo turismo deportivo. Se o pasado ano presentaban o deseño do centro BTT agora dan a coñecer o resultado deste proxecto, que supón máis de 250 quilómetros formado por un gran trazado circular que recorre todo o territorio, ademais de percorridos máis curtos en cada un dos concellos que trasladan ao visitante aos recursos de interese do territorio. Trátase de rutas de fácil recorrido orientado sobre todo ao turismo familiar e outras de longas distancias para deportistas profesionais e afeccionados. Xunto co centro BTT presentan o deseño do circuíto de trail, do cal se proxectan tres trazados, un de 21 quilómetros, outro de 13 e outro de seis, distribuídos polo territorio e que complementan aos de BTT.

O outro produto promocionado en Madrid é o pasaporte ao Condado-Paradanta. Unha credencial gratuíta da que xa se esgotaron os 1.000 primeiros exemplares que ofrece unha selección de propostas turísticas e gastronómicas exclusivas na comarca. Agora lanzarase unha segunda edición desta iniciativa que ten como misión atraer e fidelizar tanto a chegada de persoas de fóra aos dez concellos que compoñen este GDR, como manter como clientes aos propios veciños. Pretenderase así dar continuidade ao traballo posto en marcha o ano pasado, incorporando desta vez novas empresas e servizos que complementen aos existentes.

A presentación correu a cargo do presidente do GDR Condado Paradanta, Pablo Castillo, alcalde de Covelo, a quen acompañou o vicepresidente e rexedor das Neves, Xosé Manuel Rodríguez e empresarios da comarca. Ademais, tamén interveu no acto Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, quen destacou outras das calidades do xeodestino como destino turístico: as festas de interese e a gastronomía (lamprea, rosquilas, requeixo, xamón…) sen esquecer a posta en valor de todo o que se está facendo no territorio, de maneira colaborativa coas institucións públicas e do sector privado.

Turismo 10

E tamén en Fitur fixeron fincapé no Sistema Integral da Calidade Turística Española en Destinos (SICTEC), un programa de traballo orientado á mellora da calidade turística en empresas e servizos turísticos co obxectivo de conseguir unha visión global de destino. Este proxecto é xestionado dende o 2020 polo GDR e, a día de hoxe, existen no territorio un total de 47 empresas e servizos adheridos a este selo, o cal permite garantir un servizo turístico de calidade, un turismo 10. E a previsión neste 2022 e poder adherir unha quincena máis.

Entrevista co presidente do GDR, Pablo Castillo:

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES