viernes, marzo 29, 2024
InicioNewsO PaísO SERGAS avanza no sistema que permitirá xestionar as altas e as...

O SERGAS avanza no sistema que permitirá xestionar as altas e as baixas por COVID nun mesmo acto

Sanidade modificará o sistema para que no momento de imprimir e enviar o parte de baixa por coronavirus o sistema almacene a alta do mesmo para sete días despois envialo á Seguridade Social.

O Servizo Galego de Saúde vén de comunicar aos facultativos do Servizo Galego de Saúde as novidades que está a desenvolver para poder xestionar nun mesmo acto os partes de alta e baixa das incapacidades temporais provocadas polos contaxios da covid-19.

Tras a reunión do último Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, o Sergas vai incorporar a posibilidade de que no momento de dar a baixa nos procesos covid-19 aos pacientes que o precisen, o persoal médico poida proporcionar a alta corresponde de forma conxunta. Neste senso,  a administración galega modificará o seu sistema para que no momento de imprimir e enviar o parte de baixa por covid-19, o sistema almacene a alta do mesmo para, sete días despois, enviala á Seguridade Social.

O departamento sanitario da Xunta xa iniciou as actuacións necesarias para que este procedemento estea dispoñible o máis axiña posible, co obxectivo alixeirar a carga de traballo do persoal facultativo do Servizo Galego de Saúde. Ademais, tamén habilitou a posibilidade de acceder desde as listas de traballo do sistema IANUS á listaxe de pacientes que contan con procesos de Incapacidade temporal abertos pola covid-19, cando estes conten cunha duración de 7 ou máis días. Cómpre destacar que, ficará sempre a expensas do criterio médico a posibilidade de emitir de forma conxunta, ou separada, os partes de alta e de baixa.

Entre as novidades nas que traballa o Sergas, destaca tamén a dispoñibilidade de acceso e descarga dos partes de Incapacidade temporal desde o aplicativo E-Saúde (dentro do apartado ‘Historia clínica’; na opción ‘Historia de Saúde Laboral no Sergas’).

Así mesmo, o Servizo Galego de Saúde habilitará nas vindeiras datas a posibilidade de que o persoal administrativo dos seus centros saúde poida imprimir e facilitar os partes directamente aos pacientes. Así, conseguirá que aquelas persoas que non teñan a posibilidade de acceder ao aplicativo E-saúde poidan obtelos dun xeito áxil nos puntos administrativos dos centros sanitarios.

No momento en que estean completamente operativos este cambios, a dirección xeral de Asistencia Sanitaria integraraos na vindeira actualización do “Protocolo sobre detección e manexo de casos de infección activa polo virus Sars-Cov-2 en atención primaria e na abordaxe dos contactos estreitos”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES