sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO Instituto A Sangriña da Guarda retoma este mércores as clases

O Instituto A Sangriña da Guarda retoma este mércores as clases

A xefatura territorial de Educación apunta que a empresa adxudicataria das obras de cambio de cuberta farase cargo dos danos causados pola entrada da auga o pasado venres.

O instituto IES A Sangriña da Guarda retomará mañá as clases tras solucionar os danos ocasionados pola entrada da chuvia nas súas instalacións o pasado venres. «Un erro por parte da empresa que xestiona a obra de cambio de cuberta do centro fixo que non se tomaran as precaucións necesarias diante do temporal, o que redundou na inundación dalgunhas partes do centro», segundo apuntan dende a xefatura terriorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na provincia de Pontevedra.

O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, reuniuse esta mañá co equipo directivo do instituto para informalo das actuacións previstas. Neste sentido, desde o departamento educativo do Goberno galego preparouse coa empresa responsable das obras un programa de actuacións para evitar que se repitan situacións deste tipo, máis tendo en conta que a acta de replanteo do cambio de cuberta se asinou o pasado 16 de agosto, polo que as obras máis importantes xa se podían ter desenvolvido, evitando o suceso do pasado venres.

Así mesmo, o xefe territorial informou ao equipo directivo de que a empresa adxudicataria se fará cargo dos danos ocasionados por mor deste erro na previsión de actuacións. Na reunión celebrada esta mañá participaron tamén representantes da Unidade Técnica da Consellería en Pontevedra e da empresa responsable do cambio de cuberta.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES