viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasLouriñaMos, epicentro do desenvolvemento rural de Galicia

Mos, epicentro do desenvolvemento rural de Galicia

Por primeira vez, os 24 GDRs da comunidade déronse cita no Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso na segunda reunión da Mesa de Coordinación destes grupos para debater cuestións sobre o programa Leader ou sobre a futura convocatoria de axudas para accións preparatorias da vindeira estratexia de desenvolvemento local, así como recibir formación sobre as oportunidades de financiamento para os concellos rurais no marco dos fondos Next Generation

“Tratamos temas vitais que definirán o futuro dos GDRs nos vindeiros anos. Debemos traballar para coñecer o que pasa no territorio, planificar o que facer e aproveitar ben os fondos europeos para dar pulo a todas as comarcas galegas”, destacou Inés Santé, directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader, durante o peche da xornada.
Neste sentido, a presidenta do GDR Eurural e alcaldesa de Tomiño, Sandra Alonso, apuntou que “os grupos de desenvolvemento rural temos que facer un esforzo grandísimo porque estamos diante dunha oportunidade histórica e debemos facer todo o que estea na nosa man para que eses fondos calen no noso rural e nos axuden a continuar dinamizándoo”.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, recordou que os 24 GDRs de Galicia van cumprir 30 anos traballando e “os concellos temos que sentirnos moi satisfeitos de poder contar con estes instrumentos necesarios para organizar a nosa terra, os nosos produtos, a nosa economía, o noso rural”.
Durante a xornada, os grupos de desenvolvemento rural afondaron tamén na preparación de novas actividades, como a de ‘Camiñando contra a violencia de xénero’ para conmemorar o vindeiro 25 de novembro o Día Mundial contra a Violencia de Xénero, e falaron sobre aspectos como a aplicación Xalea ou os informes técnicos sobre o seguimento e control de programas.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES