martes, abril 16, 2024
InicioComarcasLouriñaMos reclama a urxencia de limpeza viaria nas estradas provinciais

Mos reclama a urxencia de limpeza viaria nas estradas provinciais

Faino á vez que recibe o convenio coa Deputación para o mantemento dos semáforos destas mesmos viais.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron fai uns días que ven de chegar ao Concello convenio que regula o mantemento dos semáforos nas estradas provinciais que pasan polo municipio.
Convenio que, desde a administración local, víñase pedindo desde fai meses que se axilizase a súa formalización e remisión ao Concello por parte da Deputación de Pontevedra. Arévalo e Augusto celebraron polo tanto a recepción do documento pero lamentan que sexa a base de presión a única forma de que ao final se fagan as cousas.
Neste sentido, Camilo Augusto e a concelleira da parroquia de Guizán, Julia Loureiro, parroquia por onde pasa un dos principais viais provinciais que atravesan o municipio, a estrada EP-2602, denuncian o “lamentable estado de abandono no que a limpeza viaria se refire das vías provinciais ao seu paso por Mos en xeral e desta estrada en particular”. “E é que desde Peinador ata o Santiaguiño a maleza invade por completo as beirarrúas, facéndoas intransitables para os peóns”, lamentan os edís.
Deste xeito o tenente alcalde salienta que “é intolerable o constante abandono dos viais provinciais ao seu paso por Mos, que xera unha preocupante situación de inseguridade viaria tanto para condutores como para viandantes; exemplo do abandono é a espera para a reparación dos semáforos e a demora dun ano na formalización do convenio a tal fin, así como o insuficiente ou inexistente labor de desbroce para manter unha óptima limpeza viaria, que nos fai ter que recorrer constantemente desde o Concello de Mos aos nosos medios e persoal propios, para levar a cabo as devanditas tarefas”.
“As estradas provinciais en Mos son viais con moito fluxo de tráfico e conectan importantes núcleos de poboación tales como Puxeiros, Peinador, San Mamede de Torroso, Santa Eulalia de Mos, etc. polo que é intolerable esta constante deixadez por parte da administración provincial”, insisten Augusto e Loureiro.
Así mesmo o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, lamenta que “a deputada provincial, veciña da parroquia de Torroso, por onde transcorre tamén unha das principais estradas da Deputación ao seu paso por Mos, non só non se asegure de que a administración á que representa cumpre coas súas obrigas, senón que desde que ela é deputada a deixadez é maior; e ela, en lugar de defender os intereses dos seus veciños, dedícase a arremeter contra o Concello eludindo responsabilidades”. É por elo que a insta a poñerse do lado da veciñanza e a traballar para urxir á Deputación de Pontevedra a que proceda a manter en óptimas condicións os viais da súa titularidade e competencia ao seu paso por Mos.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES