martes, abril 23, 2024
InicioNewsComarcasA Xunta asesora a 24 concellos pontevedreses na aplicación das directrices da...

A Xunta asesora a 24 concellos pontevedreses na aplicación das directrices da paisaxe

O Pazo de Mos foi o lugar elixido para a xuntanza de 24 alcaldes e alcaldesas co director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Francisco Barea

Francisco Barea, animou a estes 24 concellos da provincia de Pontevedra a implicarse e colaborar na aplicación práctica das Directrices da Paisaxe de Galicia, a primeira ferramenta deste tipo coa que conta a Comunidade e que entrou en vigor o pasado 20 de febreiro.
Así llo trasladou a unha representación de técnicos e responsables municipais dos concellos de Mos, Fornelos de Montes, O Porriño, Redondela, Tui, Gondomar, Mondariz, Nigrán, Mondariz Balneario, Baiona, O Covelo, Tomiño, A Cañiza, Oia, Crecente, O Rosal, Arbo, A Guarda, As Neves, Salceda de Caselas, Soutomaior, Vigo, Ponteareas e Salvaterra do Miño no transcurso dunha xuntanza informativa celebrada no auditorio Pazo de Mos.
Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda leva catro meses celebrando este tipo de reunións para dar a coñecer a nivel municipal o contido e finalidade das Directrices. Neste sentido, Francisco Barea sinalou que están pensadas como unha nova ferramenta de protección, xestión e conservación da paisaxe, coa que Galicia afianza a súa actual posición á vangarda do país nesta materia.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, manifestou ao respecto estar “moi contenta” de acoller esta reunión “nun emblemático lugar como é o Pazo de Mos, que ademais se atopa ao seu paso do camiño de Santiago e é un exemplo de integración paisaxística cumprindo coas directrices marcadas pola da Consellería”.
A Xunta pon en valor este tipo de encontros porque é moi importante que se coñeza o seu alcance, por canto recolle normas e directrices que deberán integrarse na totalidade de iniciativas que se promovan no territorio galego. En definitiva, búscase compatibilizar a protección e mellora da paisaxe co desenvolvemento económico de Galicia.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES