jueves, abril 25, 2024
InicioComarcasLouriñaPistas de skate e multideporte e mellora integral en San Rafael

Pistas de skate e multideporte e mellora integral en San Rafael

O Concello de Mos vén de recibir a concesión da subvención autonómica para a mellora do alumeado público e xa ten adxudicada a contratación da obra da nova pista deportiva

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro da parroquia de Pereiras, de Mocidade e Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, informaron de que o Concello de Mos vén de recibir a resolución favorable de concesión de subvención por parte da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia por importe de preto de 28.000 euros (o orzamento total supera os 37.000 euros) para a mellora da eficiencia enerxética na rede de luz pública mediante a instalación de iluminación led.
Trátase do último paso no proxecto de mellora integral da zona de San Rafael (parroquia de Pereiras), que inclúe tamén unha nova pista deportiva multideporte, unha pista de skate park e mellora da seguridade viaria.
A obra da pista multideporte xa se atopa adxudicada e o inicio dos traballos será inminente. Esta obra realízase grazas a un convenio de cooperación coa Secretaria Xeral para o Deporte polo importe total de 19.986,58 euros, asumindo a Secretaría Xeral para o Deporte 17.755,96 euros e o Concello de Mos os 2.230,62 euros restantes.
Pola súa banda o procedemento de contratación do skate park xa se atopa tamén iniciado e conta tamén con subvención autonómica por parte da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo de case 35.000 euros (o orzamento total ascende a preto de 50.000 euros).
Por último o proxecto de mellora integral en San Rafael incluíu a optimización da seguridade viaria mediante labores de asfaltado nos Camiños de Xaberga e Mestres Soñora-Cruces, así como habilitarase unha zona verde axardinada. A finais do pasado mes de xuño quedou rematado este asfaltado cunha lonxitude de 538 metros e un ancho medio de 6 metros, que se atopaba incluído no Plan Municipal de Mellora de Camiños que o Concello de Mos acometeu con fondos propios.
A decisión de dotar a San Rafael dun Skate Park surxiu vista a crecente demanda de lugares onde practicar este tipo de deportes cada vez máis populares entre a xente moza, e o aumento da práctica deportiva ao aire libre que ofrece unha maior seguridade de prevención ante a COVID-19. “Por iso desde a administración local mosense decidimos apostar polo novo Skate Park en San Rafael e agradecemos enormemente o apoio da Xunta de Galicia que, coa concesión de diversas axudas autonómicas, fai posible a execución dun completo proxecto de mellora na contorna de San Rafael”, declararon os representantes municipais Arévalo e Costas.
Esta nova pista de Skate formaba parte dos proxectos incluídos pola rexedora local mosense e o seu equipo no programa electoral dos pasados comicios electorais. A conversión da promesa en realidade xa está iniciada e a mocidade mosense poderá gozar dun novo skate park no municipio durante a presente lexislatura

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES