viernes, abril 26, 2024
InicioComarcasO CondadoDucias de ponteareáns quedarán sen licenza ao aprobarse o PXOM

Ducias de ponteareáns quedarán sen licenza ao aprobarse o PXOM

Ducias de ponteareáns que pediron unha licenza urbanística o ano pasado denuncian numerosas trabas por parte da oficina técnica municipal para concederllas e temen perder a edificabilidade das súas propiedadas cando o vindeiro 25 de maio se aprobe inicialmente en pleno o PXOM de Ponteareas.

O vindeiro martes, 25 de maio, a corporación municipal de Ponteareas votará a aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) unha vez incorporados os cambios esixidos pola Xunta de Galicia para darlle o visto bo ao documento urbanístico polo que a localidade leva agardando case 19 anos.

Aínda que o documento é moi ansiado pola veciñanza,  ducias de ponteareáns e ponteareás que pediron unha licenza urbanística no 2020 temen quedar sen ela e perder a edificabilidade das súas parcelas ou ter que pospor, sine die, as obras que precisan polos numerosos requerimentos e trabas que lles esixen desde a oficina técnica.

Algúns veciños síntense impotentes ao ver como o Concello lles obriga a agardar a que o Catastro resolva sobre as dimensións da súa finca antes para concederlle a licenza que solicitan. Estes ponteareáns afectados saben que a súa leira cumpre os metros esixidos pero a dilación do Catastro para resolver administrativamente fará que perdan a licenza por falta de tempo. «Cun pouco de vontade, sería máis sinxelo e rápido, pero para eles é máis cómodo esixir un documento que levantarse da silla a comprobar nada» quéixase un dos afectados.

Outros afectados ven paralizada a súa licenza porque a oficina técnica municipal de Ponteareas lles esixe autorización da Confederación Hidrográfica cando nas proximidades das súas fincas non hai ningún cauce. Denéngalle a licenza argumentando textualmente: «Existindo unha zona de cauces nos planos de avance do plan pode existir un cauce». Os afectados explican que son requirimentos que poden ser comprobados facilmente polo propio concello. No caso de Confederación Hidrográfica teñen un visor web onde se identifican os cauces, e nese visor se pode comprobar o que é ou non é cauce. Polo que se confunden vagadas que poden levar auga de escorrenta en épocas de alta pluviosidade ou canalizacións de regadío antigas con ríos.  «Pídenme que sexa a Confederación quen acredite que non consta cauce no lugar requirido, o que me obriga a pagar taxas de inspección e unha perda de tempo duns seis meses cando o simple sentido común xa facilitaría a concesión da licenza» queixase outro afectado.

Igualmente, quéixanse das trabas da oficina técnica municipal, agora con moito máis persoal que en mandatos anteriores, ponteareáns que solicitan unha licenza de obra menor para cambiar «seis tellas contadas do tellado» ou para colocar «unha placa solar» e os técnicos municipais califican esa actuación como obra maior, obrigándolles a ter dirección facultativa, entre outros requerimentos, o que encarece, dilata ou incluso imposibilita a mellora que querían facer nas súas casas.

Queixas dos técnicos

Ademais dos propios veciños, son moitos os profesionais libres (arquitectos, enxeñeiros, aparelladores…) que se queixan das trabas que impón a oficina técnica municipal do Concello de Ponteareas para poder obter unha licenza. «É o concello de toda a comarca e tamén das dos arredores que máis dificultades técnicas nos pon para poder avanzar nos nosos traballos, chegando incluso a vernos obrigados a renunciar ao traballo pola imposibilidade de sacalo adiante» asegura un técnico afectado.

«O de Ponteareas é o Concello coa oficina técnica con máis burocracia, se lle cobramos ao cliente por hora por todas as trabas que pon a oficina técnica, custa máis o traballo técnico que a obra a realizar» lamenta outro técnico descontento co proceder dos técnicos municipais de Ponteareas.

Son ducias de ponteareáns, con distintas casuísticas, os que temen perder a edificabilidade dos seus terreos, cumprindo os requisitos legais para tela, ao aprobarse inicialmente o PXOM o 25 de maio e quedaren suspendidas as concesións de licenzas

O próximo martes 25 de maio será a terceira vez que Ponteareas aprobe provisionalmente o PXOM confiando en que desta vez a Xunta lle dea a súa aprobación definitiva. A última aprobación provisional realizouse a finais de 2019 cando no documento se introduciron os cambios esixidos pola Xunta a comezos de 2017. Con todo, a administración autonómica, ao revisar o documento volveu formular numerosas obxeccións e reparos que obrigaron a revisar de novo o documento, algo que fixo ao longo de todo o ano pasado.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES