domingo, mayo 19, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoTomiño anima a colaborar na creación dun arquivo fotográfico

Tomiño anima a colaborar na creación dun arquivo fotográfico

O Concello de Tomiño acaba de poñer en marcha a segunda fase do arquivo da imaxe municipal.

Logo da conclusión da primeira fase realizada nos últimos meses, que consistiu na recollida de máis de 3.000 fotografías de múltiples fontes tales como hemerotecas de diversas publicacións, arquivos fotográficos ou fundacións, o arquivo inicia agora a súa segunda fase, na que será imprescindible a participación cidadá.

Desde o concello convidan á veciñanza a buscar fotos antigas de Tomiño nas súas casas ou que estean relacionadas co municipio. Só terán que chamar ao concello e desde a institución encargaranse de desprazarse aos municipios para recollelas. As fotografías serán dixitalizadas e catalogadas, levándoas de volta ao domicilio nun prazo máximo de 72 horas.

Este método de recollida, realizado por persoal do Concello, foi elixido por ser considerado o máis seguro tendo en conta o contexto da pandemia do Covid-19 co fin de evitar o contacto o máximo posible. De todos xeitos, no caso de que algunha familia contase cunha colección de grande importancia e antigüidade e tivesen reparos sobre a súa recollida, desde o Concello valoran a posibilidade de facer excepcións puntuais, realizando desprazamentos ás casas para realizar a dixitalización in situ.

A veciñanza pode poñerse en contacto co Concello para prestar as súas fotos a través do número 986 62 20 01, solicitando a atención do departamento de Cultura. A concelleira encargada da área, Ana Isabel Fernández, destaca a importancia do proxecto. “A creación do arquivo ten unha importancia fundamental para a conservación e a divulgación da historia de Tomiño e agora queremos contar tamén coa colaboración dos veciños e veciñas. O proceso de dixitalización é 100% seguro e as familias terán de volta as súas fotografías nun máximo de tres días”, explica.

Espérase que o arquivo sexa almacenado na futura biblioteca de Tomiño, podendo ser consultado por toda a veciñanza, divulgándoo tamén a través de exposicións temáticas periódicas.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES