sábado, diciembre 7, 2024
InicioComarcasLouriñaCoñecemos os segredos da elaboración do Pan do Porriño

Coñecemos os segredos da elaboración do Pan do Porriño

Os panadeiros porriñeses están de parabéns logo de acadar unha marca propia, pero que é o que o diferencia dos demais? Si Radio achegouse a unha panadería da vila para coñecer cal é a receita do Pan do Porriño

Logo dun intenso e longo período de tramitación, a Oficina Española de Patentes e Marcas, dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, vén de expedir o título de Marca Española ao Pan do Porriño, o que o fai un dos máis selectos do país e único na provincia.
Trátase do primeiro recoñecemento oficial da tradición histórica da elaboración deste produto e do seu carácter, converténdose con elo, nun pan cunha protección propia

Dende 1604

A tradición histórica do Pan do Porriño comeza a ser recompilada en 1604, data na que se ten constancia da primeira referencia escrita do pan trigo do Porriño, realizada polo rioxano frei Anastasio de Lobera que aseguraba que “el pan trigo que se gasta cocido sin comparación ecede a lo muy escogido de otras partes, siendo pocas en España las que pueden competir con lo de Orense, Tui, Lugo, el Porriño y otros lugares donde se vende”, o que acredita que se trata dun dos pans con maior antigüidade de Galicia e España.

Esta tradición previa foi confirmada pola localización no Porriño da Real Panificadora que por motivos estratéxicos instalouse na vila do Louro e non en Tui e posteriormente, pola sona que adquiriu, unha vez desaparecida esta, polos moitos obradoiros artesáns que sobreviviron e que serviron para abastecer de pan a todas a tropas francesas. Foi a inicios do século XIX, cando o batallón do xeneral Dupont utilizou como subministro habitual na súa estancia na nosa comarca o coñecido entón como pan de munición.

A tradición prosperou con moitos obradoiros ata actualidade, onde se produce un proceso de modernización pero sen perder a súa elaboración artesanal. Así, ante a necesidade de protexer o Pan do Porriño fronte a outras alternativas máis industriais e para potenciar a súa distribución, xurdiu, no ano 2005 e impulsada polo Concello, a Asociación de Panadeiros do Porriño. Os obxectivos eran, e seguen a ser, potenciar a tradición panadeira e salvagardar o segredo da súa elaboración, promovendo actuacións que fagan del un produto que conte cos máis altos certificados de calidade.

IXP

Entre os seus fins fundacionais a asociación marcouse a agrupación de todos os panadeiros do Porriño (a día de hoxe está integrada por oito) en aras de optar á certificación de produto, logrado agora co rexistro de marca, e traballar na procura dunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP) para o Pan do Porriño.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS