miércoles, mayo 1, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoPropoñen a creación dun museo transfronteirizo do Miño en Tui

Propoñen a creación dun museo transfronteirizo do Miño en Tui

O Instituto de Estudos Tudenses suxire o seu emprazamento no edificio da antiga cárcere na Praza da Inmaculada.

O Instituto de Estudos Tudenses propón a creación dun museo no edificio da antiga cárcere de Tui, localizada na céntrica Praza da Inmaculada, que ata fai un ano acollía os xulgados. Dende entón, o inmoble tan só alberga as oficinas da Policía Local e, temporalmente, o arquivo xudicial, polo que o Instituto de Estudos Tudenses considera que sería o lugar axeitado para crear un “Museo de Tui e do territorio transfronteirizo do Miño”, un espazo que recompile a memoria colectiva da raia.

Este museo estaría emprazado nun dos edificios máis destacados da cidade de Tui. O mesmo, foi construído polo Concello de Tui no solar que ocupaba o pazo dos Marqueses de Mos. O arquitecto Faustino Domínguez rematou a obra en 1857 e, ata a década dos 70 do século pasado, o inmoble foi unha cárcere. Logo transformouse en pazo de xustiza ata que se inaugurou a nova sede fai un ano.

O Instituto de Estudos Tudenses, que reúne a un amplo conxunto de especialistas nos diversos ámbitos da cultura, ofrece ao Concello de Tui e ás diferentes institucións, os seus servizos para colaborar no proxecto.

“A creación desde museo sería un novo fito na expresión desta vida en común das xentes do noso ámbito xeográfico, que terían un lugar onde recoñecerse e darse a coñecer ao mundo: unhas comunicades humanas que comparte territorio e identidade a pesar das fronteiras”, destacan desde o Instituto de Estudos Tudenses, facendo fincapé na vida compartida nas beiras do río Miño.

Pola súa banda, o Concello de Tui xa mostrou con anterioridade a súa intención de destinar este edificio a dependencias municipais ante a falta de espazo na actual casa consistorial.

 

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES