sábado, julio 27, 2024
InicioComarcasLouriñaOs concellos da Louriña involúcranse no Plan de Hostalería Segura

Os concellos da Louriña involúcranse no Plan de Hostalería Segura

Mos, Porriño e Salceda coordínanse con empresarios do sector e policía local para velar polo correcto e obrigado cumprimento das medidas de protección fronte a COVID-19

Mos

Mos pon en marcha o seu Plan Local de Seguemento e Axuda á Hostalería para a correcta implantación do Plan de control da Xunta a este sector desde a súa reapertura o pasado venres 26 de febreiro co inicio do novo proceso de desescalada.
O Plan Municipal ofrece colaboración a todos os hostaleiros mosenses que así o desexen para a correcta implantación das novas medidas autonómicas para o sector e tamén revisión para garantir que as devanditas medidas se están a cumprir.
Deste xeito a Policía Local xunto coa exeñeira municipal visitarán todos os establecementos do municipio para supervisar que se respecten os aforos establecidos pola Xunta de Galicia así como as demais medidas establecidas, que deberán estar correctamente aplicadas a data 5 de marzo.
A Policía Local realizará dúas visitas semanais por local de hostalería para axudar, asesorar e supervisar.

Porriño

Os establecementos de hostalería do Porriño recibirán unha folla informativa para que coñezan as medidas que deben adoptar e para que teñan a información necesaria para descargar os códigos QR. Axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil serán os encargados da distribución. O acordo acadouse nunha reunión presidida pola alcaldesa Eva García e coa asistencia de Lourdes Moure, concelleira de Seguridade; Daniel Rodríguez, inspector xefe da Policía Local; Antonio Pereira Nandín, oficial de policía local, e José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Hostaleiros do Porriño (AHOSPOR).
O obxectivo é evitar problemas de exceso de capacidade e garantir o cumprimento das restricións vixentes tanto no interior como nas terrazas dos establecementos.

Salceda de Caselas

Dende o goberno salcedense lembran que os corpos e forzas de seguridade realizarán controis semanais en todos os locais de hostalaría do municipio, co obxectivo de comprobar que se cumpren as medidas. En caso de incumprimento a normativa marca que terán que impoñer sancións ou incluso o precintar o local. Nesta liña, dende o Concello tenden a man ao sector hostaleiro, “se precisades máis información podemos facilitárvola ou axudarvos coa tramitación na concellería de Comercio”.

 

Lémbrase que as medidas a cumprir son as que seguen

  • A capacidade máxima permitida no interior será dun 30%.
  • A capacidade máxima permitida en terraza será dun 50%.
  • Non se poderá prestar servizo na barra.
  • A ocupación máxima das mesas ou agrupación de mesas será de catro persoas non conviventes.
  • O horario de peche ao público será ás 18:00 horas.
  • Poderán prestar servizo de recollida no local ata as 21:30 horas.
  • Poderán prestar servizo de entrega a domicilio ata as 00:00 horas.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES