martes, junio 25, 2024
InicioComarcasBaixo Miño“Non hai o mesmo contacto pero é unha satisfacción formar de xeito...

“Non hai o mesmo contacto pero é unha satisfacción formar de xeito virtual»

Sabine Pfister é unha das docentes que se reinventou coa pandemia e imparte en liña as súas clases de francés

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño decidiu enfrontarse á actual situación sanitaria con determinación: reinventándose e ofrecendo os seus cursos formativos en modalidade telemática. Unha decisión que foi moi ben acollida polos usuarios, que agora non só enchen as prazas dispoñibles, máis das que se podían ofertar de xeito presencial, senón que hai lista de agarda. Éxito que xa colleitaron os cursos de Francés básico e Community manager que xa están en marcha e que esperan repetir nos que arrancarán no vindeiro mes de marzo, un de Videoxogos e plataformas para videoxogar e outro de Escape room educativo.
Ao fronte dun destes cursos, o de Francés básico, está Sabine Pfister, quen tamén tivo que “reciclarse e reinventarse” para poder seguir impartindo clase nunha época na que era complicado continuar coa docencia tradicional. “Costoume moito adaptarme e incluso pensei e non seguir dando clases porque para min era un mundo inalcanzable. Pero cos ánimos do equipo da Omix e da miña familia aceptei o reto e podo dicir que para min supón unha satisfacción continuar formando xente de xeito virtual”, explica a docente.
Non era o primeiro encontro de Sabine coa docencia en liña. En plena pandemia animouse a dar clases de ioga da risa por Internet, aínda que nelas non tiña ao alumnado tan presente. “É unha renovación total e para min é unha satisfacción moi grande ser capaz de continuar dando clase en modalidade virtual”, salienta Sabine, quen asegura que “aínda son un pouco torpe, cometo bastantes erros, incluso ata un día saínme da clase, pero cando volvín a entrar os alumnos e alumnas estaban todos alí agardándome cun sorriso e animándome. Pouco a pouco vou collendo confianza e o alumnado é estupendo, participativo, comprensivo e solidario, creo que aínda máis que nas clases presenciais. Non hai o mesmo contacto que antes, pero conséguense outras cousas que antes non tiñamos”, subliña.
Alumno dende Alacante

Un alumno dende Alacante

A Sabine tampouco se lle escapan as vantaxes da formación en liña, xa que moita xente pode asistir a clase sen necesidade de desprazarse, unha cuestión que ás veces pode ser un problema. “Por exemplo teño un alumno que é de Tomiño pero que vive temporalmente en Alacante e se non fose por esta nova forma de ensinar non podería participar no curso”, destaca. Con todo, Sabine bota en falta as clases presenciais “porque estou máis acostumada e me gusta o contacto, pero esta é para min unha experiencia nova e moi enriquecedora”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES