viernes, marzo 29, 2024
InicioComarcasO CondadoPonteareas peonalizará a rúa Domínguez Benavides na que se ubica a Escola...

Ponteareas peonalizará a rúa Domínguez Benavides na que se ubica a Escola Infantil

Eliminarase un tráfico innecesario que dispón doutra alternativa gañandose o espazo para as persoas e o cento de usuarios da Escola

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, adiantou a intención do goberno local de peonalizar a rúa Escritor Manuel Domínguez Benavides, onde se ubica a Escola Infantil Municipal. O edil explicou que se trata dunha previsión contida no Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel de Ponteareas que se pode levar xa a cabo.

A rúa Domínguez Benavides ten uns 50 metros de lonxitude e comunica a Avenida de Galicia coa rúa Castañal. O 75% do seu espazo está destinado aos coches e só o 25% a beirarrúas. “Trátase dunha rúa de pequenas dimensións, pero importante ao ser o acceso a dous equipamentos públicos como a Escola Infantil Municipal e o parque da Feira Vella”, explica Mera, quen engade que “esta rúa acolle un tráfico de vehículos de paso que resulta innecesario ao existir a alternativa do Paseo Matutino para realizar o mesmo percorrido”. Ademais, as beirarrúas son estreitas, unha delas, a situada na beira da Escola Infantil conta con tan só 1,20 mts de anchura e non cumpre nin sequera co mínimo de 1,80 mts establecido por lei.

O concelleiro de Mobilidade sinalou que a rúa será de uso peonil e a ela poderán acceder só os vehículos que se dirixan ao único garaxe existente na rúa, así como os titulares dos establecementos da rúa, servizos de mensaxería, reparto ou carga e descarga que poderán parar na rúa un máximo de 15 minutos diante do seu destino. Tamén poderán acceder nas mesmas condicións os usuarios/as da Escola Infantil cando precisen facelo en vehículo. O sentido de circulación para estes vehículos autorizados será á inversa do sentido actual, é dicir, accederase dende a rúa Castañal e sairase pola Avenida de Galicia.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES