A tempada de pesca de lamprea nas pesqueiras do río Miño comezou este 15 de febreiro e durará ata o 16 de maio.
Os pescadores de lamprea das pesqueiras do Miño arrancan unha tempada chea de incertezas. Non saben se poderán vender as súas lampreas, algo que fixeron sempre pero ao que agora lle poñen trabas á espera dunha solución por vía legal.
Os pescadores das pesqueiras, desde Salvaterra ata Crecente, denuncian carencias da normativa que favorecen as capturas na parte baixa do Miño, onde se pesca con embarcacións e redes dificultando que as lampreas remonten o río.
Os pescadores de Arbo tamén demandan un distintivo de calidade para as súas lampreas.
Protexer as pesqueiras herdadas dos seus devanceiros é un dos principais reclamos dos pescadores que reiteran ás administracións a necesidades de que sexan declaradas Ben de Interese Cultural.
A popular e valorada Festa da Lamprea de Arbo está prevista polo Concello para os días 23, 24 e 25 de abril de 2021. Pero dependerá de como evolucione a pandemia da COVID-19 . O Concello valora adiar os seus actos principais a agosto, coincidindo coa festa da lamprea seca, como xa fixo o ano pasado.