martes, junio 18, 2024
InicioComarcasLouriñaMos anuncia melloras en tres colexios neste 2021

Mos anuncia melloras en tres colexios neste 2021

A alcaldesa Nidia Arévalo informou das actuacións logo de reunirse por videoconferencia co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

 As propostas realizadas pola rexedora local recollen importantes actuacións durante o presente ano en tres dos cinco colexios públicos de Educación Infantil e Primaria de Mos: Petelos, Atín-Cela e Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos). Os outros dous, Pena de Francia e Sanguiñeda, son os centros que veñen de ser beneficiarios de reformas nos últimos anos; no caso do primeiro cunha mellora integral e no segundo cunha ampliación do comedor, entre outras obras.
A mellora máis importante que se acometerá por parte da Consellería de Educación será no CEIP de Petelos, onde se optimizará o illamento térmico cun cambio de ventás e se illará totalmente o ximnasio para evitar filtracións e humidades. Será o propio Concello o que asuma o arranxo do firme da pista deportiva exterior, pendente de reposición desde fai uns anos.
Por outras banda, o colexio de Atín-Cela será neste ano obxecto da substitución de todos os falsos teitos e do remate da renovación de ventás, que comezou en 2019 e da que xa se levan realizado dúas fases. Só queda pendente á última, que supón a colocación das 20 novas fiestras restantes.
Por último, no CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos actuarase en 7 aulas para illalas do calor e as altas temperaturas nos meses máis calorosos do ano, instalando toldos nos seus ventanais; e construirase unha rampla que mellore a accesibilidade entre os dous patios de recreo exteriores que se atopan a diferentes alturas. Ademais, tamén se fará unha reparación de todos os lucernarios.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES