lunes, mayo 27, 2024
InicioComarcasLouriñaO Festival de Cans volverá a celebrarse en setembro

O Festival de Cans volverá a celebrarse en setembro

Nos vindeiros días anunciarase a apertura da convocatoria de envío de curtametraxes e vídeo clips a concurso, onde haberá varias novidades.

 

A asemblea da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do Festival de Cans, decidiu as datas nas que terá lugar a XVIII edición do Festival de Cans, que neste 2021 volverá celebrarse na primeira semana do mes de setembro, en concreto entre o mércores 1 e o sábado 4.
A organización decidiu repetir este ano unhas datas semellantes ás da pasada edición, e non retornar por agora ás súas datas orixinais de maio. A idea da organización é actuar con prudencia nos vindeiros meses, agardando a evolución da pandemia, mentres se asenta o proceso de vacinación da poboación.
Desde a organización, xa se foi comunicando esta data nas últimas semanas aos principais patrocinadores, institucións, e sobre todo aos veciños que colaboran habitualmente co festival, aos que agradece o seu apoio incondicional en todo momento.

3.000 asistentes e retransmisión en streaming

O pasado ano, arredor de 3.000 persoas pasaron por Cans no mes de setembro, para participar en todas as actividades do festival, realizado con estritas medidas de seguridade e de máxima hixiene sanitaria, seguindo todas as normas de distanciamento. O festival optou tamén por vías seguras e alternativas á presenza física, como a retransmisión en streaming das principais actividades, que acadaron a extraordinaria cifra de máis de 3.000 espectadores complementarios, que puideron seguir o festival desde as súas casas.
Ademais, prevíronse medidas como trazar un “escudo protector” sobre as persoas maiores da aldea e diminuír tamén o número de galpóns, xunto cunha redución do aforo. Mesmo nestas circunstancias excepcionais, o festival discorreu “con total normalidade”, e desde a organización agárdase que a situación sanitaria poida mellorar ao longo dos próximos meses. Partindo da experiencia adquirida o pasado ano, a organización garante que” traballará con prudencia e coa máxima responsabilidade”.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES