lunes, noviembre 11, 2024
InicioO PaísPontevedraOs accidentes con feridos nas estradas da provincia descenden un 27%

Os accidentes con feridos nas estradas da provincia descenden un 27%

O número de persoas que perderon a vida en 2020 é o mesmo que en 2019 (24), reducíndose nun 60% a cifra de peóns falecidos. Todo elo nun ano marcado polas reducións de mobilidade establecidas por mor da pandemia da COVID.

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentou o balance de tráfico do ano 2020 na provincia acompañada polo capitán xefe do subsector de tráfico da Garda Civil en Pontevedra, Antonio Pérez Piteira. Larriba informou de que 24 persoas perderon a vida o ano pasado nas estradas da provincia, unha cifra igual á rexistrada no ano 2019. Non obstante, e segundo o balance provisional de siniestralidade viaria elaborado pola Xefatura Provincial da Dirección Xeral de Tráfico, o número global de accidentes con vítimas viuse reducido. A subdelegada informou de que nos últimos doce meses “os accidentes con algún tipo de ferido descenderon nun 27 %”. Neste sentido, os accidentes con feridos graves reducíronse nun 26 %, un descenso que alcanza o 33 % no caso de accidentes con feridos leves.
Os meses nos que se produciron un maior número de accidentes de tráfico foron os de xullo, agosto e setembro e o maior número de falecementos rexistrouse no grupo de idade comprendido entre os 35 e 44 anos. A meirande parte dos accidentes con falecidos producíronse pola tarde, sendo os luns, os xoves e os sábados os días nos que máis decesos se contabilizaron.

596 accidentes producidos por animais

No ano 2020 producíronse un total de 596 accidentes con animais que rexistraron danos no vehículo. 18 destes accidentes deixaron vítimas: 1 mortal, 2 con feridas graves e 42 con feridas leves.
As estradas que aglutinan un maior número de sinistros producidos por animais son a AP-9, a A-52, a N-640, a N-550 e a PO-533, onde se rexistrou a vítima mortal.

Redución da mobilidade durante todo o 2020
A subdelegada quixo subliñar tamén o descenso da mobilidade rexistrado durante todos os meses do ano pasado. Segundo os datos do observatorio creado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para tal fin, durante os meses do confinamento –marzo e abril– a mobilidade na provincia reduciuse entre un 43 % e un 56 %. Nas primeiras semanas da desescalada, os tráficos recuperáronse pese a que aínda rexistraban unha caída media do 39 %. Sen embargo, a finais do mes de maio a redución do tráfico era apenas dun 24 %.
Así mesmo, Larriba informou de que “as novas restricións á mobilidade e os peches perimetrais produciron no primeiro mes de 2021 unha caída do 24 % no tráfico interprovincial”.

Comezo do ano sen accidentes con vítimas mortais

Segundo os datos que se deron a coñecer, durante o mes de xaneiro deste ano non se rexistrou ningún accidente con vítima mortal na provincia de Pontevedra. “Unha bota noticia se temos en conta que o ano pasado o balance de xaneiro xa amosaba unha vítima mortal”, explicou.
Para concluír Larriba fixo un “chamamento á prudencia e á responsabilidade na estrada, vitais para reducir o número de falecidos e feridos”.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS