O fillo do galeguista Valentín Paz-Andrade perdeu a vida esta tarde en Gondomar aos 80 anos, logo de chocar contra un muro.

O histórico empresario vigués Alfonso Paz-Andrade morreu esta tarde aos 80 anos de idade nun accidente de tráfico acontecido nas inmediacións do seu domicilio, na parroquia gondomareña de Peiteiros.

Paz-Andrade, fillo do histórico galeguista Valentín Paz Andrade, perdeu a vida logo de chocar o coche que conducía contra o muro dunha vivenda. Todo apunta a que unha indisposición lle fixo perder o control do vehículo, no que viaxaba só, aínda que será a autopsia a que determine a causa da morte.

O suceso tivo lugar arredor das 16 horas, e ata alí se desprazaron a Garda Civil, a Policía Local de Gondomar e os bombeiros do Val Miñor.

A súa morte está causando gran conmoción en Gondomar e Vigo, pois era un empresario moi coñecido, vencellado á industria pesqueira. En 1970 fundou na cidade olívica a empresa Ibercisa, de maquinaria naval, e tamén foi conselleiro delegado de Pescanova.

O alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, trasládalle a familia o pésame da corporación e lembra a Paz-Andrade como "un veciño arraigado ao municipio que sempre estivo disposto a potenciar a vila".

¿E ti, es de Tweet?