A degustación de pratos continúa ata final de mes na Adega da Tía Carmen, Miro Pereira, Bar Restaurante Curuxeira, Casiña da Tía Albina e Tapería A Cova da Santa

Tras o cheo absoluto das charlas celebradas ao longo de cinco días, a Gran Degustación do pasado domingo rexistrou unha gran afluencia de público. A Gran Degustación ontou coa asistencia da alcaldesa, Nidia Arévalo, do concelleiro de Medio Ambiente Sostible, Leo Costas e demais membros do goberno local, ademais da experta micóloga Puri Lorenzo e Ramón Muíños como representante da Comunidade de Montes de Mos.

A rexedora local mosense destacou na súa intervención “o agradecemento aos hosteleiros, que fan posible que hoxe poidamos estar aquí, gozando da boa gastronomía, despois de máis dun ano e medio durísimo para eles pola crise sanitaria da COVID-19, por iso desde o Concello queremos apoialos en todo o que poidamos”. Tamén lle deu as grazas Arévalo á Comunidade de Montes de Mos “polo labor de organización conxunta co Concello destas Xornadas e por poñer en valor os nosos recursos naturais, a nosa natureza e o noso monte… o noso municipio, en definitiva”.

Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos:


Os pratos que se puideron probar na Gran Degustación foron por parte de Adega da Tía Carmen croquetas de setas con castañas e empanada de trigo con setas e castañas, por parte de Miro Pereira, polo en crema de setas, por parte do Bar Restaurante Curuxeira fajitas recheas de setas e polo e tortilla de xamón e setas, por parte da Casiña da Tía Albina, filloas de champiñóns con gambas e filloas de champiñóns con gulas; e por parte da Tapería A Cova da Santa, pizza mar e monte: salmón afumado con variado de setas. Todos estes pratos seguiranse servindo ata fin de mes nos respectivos establecementos de hostalería.
A Gran Degustación estivo complementada co V micomercado (mercado micolóxico) e cunha exposición e consulta sobre cogomelos alí no propio Pazo.
As charlas e conferencias didácticas sobre micoloxía impartidas foron todas ás 20.30 horas no Pazo de Mos. O luns 15 de novembro Xosé Braulio Mondragón Abuín falou sobre ‘As 10 herbas máis importantes do bosque’. O martes 16 de novembro Fernando Gerino Ferreirós Soutiño, deu a conferencia titulada ‘Froitos, diversidade é riqueza’. O mércores 17 Marisa Castro, Investigadora en Micoloxía no Laboratorio de Micoloxía da Universidade de Vigo, ofreceu a ponencia ‘Intoxicacións por cogomelos’. O xoves 18 Puri Lorenzo, Bióloga especialista en Micoloxía do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire, falou sobre ‘Cogomelos nos ecosistemas galegos’. E o venres 19 de novembro José Luis Tomé, da Federación Galega de Micoloxía, ofreceu a charla ‘Cociñando cogomelos’.
E o sábado 20 de novembro de 10.00 horas a 13.30 horas realizouse a tradicional saída para a recollida e identificación de cogomelos guiada por monitores especializados.

¿E ti, es de Tweet?