O Concello abrirá unha listaxe municipal na que poderán apuntarse as persoas que desexen solicitar este tipo de inmobles.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, reuniuse esta semana coa alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e varios técnicos municipais, para tratar sobre o proxecto de impulso da vivenda protexida no concello e a tramitación dun novo parque empresarial na localidade.

Durante a reunión, continuación da mantida o pasado mes de marzo, analizáronse posibles alternativas de solo para a construción de vivendas protexidas en Mos, tanto de promoción pública como privada. A tal fin, estudáronse diferentes posibilidades de novos desenvolvementos de solo residencial.

Por outra parte a alcaldesa comunicou ao director xeral a activación inminente da listaxe municipal de demandantes de vivendas, que xestionará o departamento de Política Social de Mos e na que poderán inscribirse os cidadáns interesados en solicitar o acceso a algunha das futuras vivendas que se desenvolvan a partir do proxecto do concello.

Finalmente, a reunión serviu para analizar a situación de tramitación da modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG) no que se inclúe o ámbito para a urbanización dun novo parque empresarial en Mos, unha vez que se está esgotando o solo dispoñible no polígono da Veigadaña, urbanizado polo Goberno galego.

Segundo indicou o director xeral do IGVS, está previsto que a modificación do plan sectorial se aprobe este mesmo ano, quedando así habilitada a Xunta para o desenvolvemento do novo parque

 

¿E ti, es de Tweet?