sábado, abril 20, 2024
InicioComarcasLouriñaVoltas solidarias dunha gran deportista mosense

Voltas solidarias dunha gran deportista mosense

Verónica Romero participa o sábado nunha carreira de resistencia, sen límite horario, para colaborar con Mos Axuda.

A deportista mosense Verónica Romero participará este vindeiro sábado de xeito benéfico na proba de resistencia Spain Bakyard Ultra. Farao tanto individualmente como por equipos, como membro do equipo “Segi segi” integrado por dúas mulleres e dous homes.

Tanto Vero como corredora individual como o equipo, ofrecen a posibilidade de patrocinar cada volta que dean nesta carreira de resistencia sen límite de duración (gañará o corredor ou corredora que continúe correndo cando todos/as os/as demais se teñan retirado). Os cartos recadados irán destinados a Mos Axuda.

O Concello de Mos apoia á súa atleta nesta iniciativa solidaria abrindo o patrocinio e aportando 20€ por cada volta (se consegue dar 24 voltas serán 480€).

A proba de resistencia disputarase o 28 de maio en Castro Caldelas. Consiste en dar voltas nun percorrido de 6,7km cruzando o pobo de Castro Caldelas e algo de montaña. Gaña a persoa que máis voltas dé independentemente do sexo. O récord de Vero Romero está en 24 voltas (160kms en 24 horas).

Desde o Concello convídase a todo o mundo a colaborar coa iniciativa coa cantidade que sexa… desde 1€ ou incluso menos, por volta, ata o que cada quen considere. Os/as colaboradores/as poden ofrecer patrocinar a Vero individualmente, ou os máis xenerosos poden facelo co número de voltas total que sumen os 4 integrantes do equipo.

A propia Verónica Romero e varias voluntarias de Mos Axuda achegáronse ata o Concello para presentar a iniciativa solidaria xunto coa alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro; a animar ao maior número de xente posible a participar no patrocinio benéfico desta carreira.

O recadado destinarase a Mos Axuda para a compra de tarxetas de gasto para as familias usuarias dos servizos sociais municipais coas que poden mercar bens de primeira necesidade en supermercados de Mos.

O sistema de patrocinio é o seguinte:

  • Os/as interesados/as deben inscribirse enviando un correo electrónico a mosaxuda@concellomos.es
  • Indicando nome, apelidos, tlf de contacto, tipo de patrocinio (individual a Vero ou colectivo ao equipo) e doazón por volta
  • Unha vez realizada a carreira respostaráselles informando das voltas totais logradas pola deportista e polo equipo e indicándolles o número de conta bancaria de Mos Axuda para facer o ingreso.
ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES