jueves, abril 25, 2024
InicioNewsComarcasEntroido virtual e confinado

Entroido virtual e confinado

Toda a fantasía que desata don Carnal e dona Coresma da un paso atrás no país en beneficio da prudencia solicitada polas autoridades e imposta polo sentido común. O entroido 2021 celébrase na casa e a través da pantalla. Os concellos organizan desfiles, concursos, actividades e exposicións virtuais adaptados á situación sanitaria.

Nigrán

No Val Miñor, o Concello de Nigrán convida a disfrazarse cos conviventes, facer unha foto e enviala. O obxectivo é que as familias festexen esta tradicional data na intimidade. O certame, telemático, está dirixido a calquera grupo de conviventes, independentemente da súa idade (mínimo 3 persoas) e de onde residan. O requirimento imprescindible para todos os casos é que fagan unha foto de grupo onde se vexa un cartel que poña ‘Entroido Telemático 2021-Concello de Nigrán’ e sexa enviada con calidade suficiente a comunicacion@nigran.org entre o 12 e 16 de febreiro. As imaxes serán subidas ao Facebook do Concello de Nigrán a medida que se vaian recibindo e gañarán os tres grupos que sumen máis ‘Me Gusta’ (inclúe ‘Me Encanta’ ou ‘Me importa’) o 17 de febreiro ás 12.00 horas e aquel que non teña ningún (se é o caso). Cada grupo premiado recibirá unha tablet e unha cesta de produtos gastronómicos típicos do entroido galego.
Polo que respecta ao enterro do kiko, dende o consistorio considérase celebralo co Centro Cultural Parada do Miñor en canto a situación sanitaria o permita con total seguridade, independentemente de que sexa durante o verán. Esta peculiar celebración naceu en Parada como alternativa ao enterro da sardiña, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con kikos.

Gondomar

En Gondomar, ante as restricións impostas pola Xunta para frear o avance dos contaxios, este ano non se celebrará ningún acto público durante estes días. Fontes municipais indican que si se producirá e editará un vídeo, que compartirán nas redes sociais, “no que se fará un tributo ao entroido de 2021 lembrando que volveremos a celebralo, que seguirá latente en cada fogar”. Con todo, non querendo renunciar este ano a unha das festividades máis arraigadas no municipio, veñen de anunciar a intención de poder celebralo no verán. Deste xeito, e sempre e cando a situación sanitaria o permita, a data elixida para celebrar o tradicional desfile de comparsas e posterior verbena sería o 17 de xullo, facéndoo coincidir coas festas patronais de San Bieito, polo que se baralla unha semana enteira de festexos.

Arbo

Na Paradanta, o Concello de Arbo sube hoxe á súa páxina de Facebook as fotografías e vídeos enviados para participar no concurso e desfile en liña que organizou con motivo do entroido e pensando, sobre todo, en promocionar a gastronomía, a hostalaría, os deportes de aventura, as adegas e o comercio local, contribuíndo á súa reactivación de xeito que os premios para os gañadores consistirán en vales de compra a consumir nos establecementos da vila. Dende hoxe e ata o luns ás 15.00 horas queda aberto o proceso de votacións nunha entrada creada para cada categoría e o mércores coñeceranse aos gañadores. Establécense tres categorías: mascarita individual (maiores de 12 anos), mascarita individual (menores de 12 anos) e grupo de conviventes. En todas elas se outorgarán tres premios, nas dúas primeiras vales por importe de 75, 50 e 30 euros, e na de grupo 200, 150 e 75 euros. En total repartiranse 735 euros que reverterán no comercio local.

A Cañiza

Na Cañiza celebrarán o mércores a súa particular gala virtual de disfraces cos vídeos da veciñanza recibidos a través do WhatsApp (678 415 501) e do correo electrónico (galavirtualacaniza21@gmail.com). Consistirá nun vídeo-show que poderán ver todas aquelas persoas que accedan ao enlace autorizado por parte do Concello na súa web. Fontes municipais explican que haberá un espectáculo levado a cabo polo gran xurado do entroido 2021, un xurado moi peculiar, asegurando risas e unha visión persoal e particular da moda, segundo o compoñente do xurado do que se trate. Este particular xurado fará unha valoración dos disfraces e vídeos dos participantes da gala, poñendo especial atención en aqueles que sexan máis orixinais e máis divertidos.

Covelo

Con fotos disfrazados de espantallo anti Covid, así celebra Covelo o entroido 2021. O desfile será no Facebook do Concello e integrarano todas as imaxes recibidas por correo electrónico ata onte. Fontes municipais indican que “os espantallos foron unha ferramenta importante para os nosos campos, espantaban os paxaros que comían as nosas colleitas que tanto traballiño nos daban. Este anotan atípico a causa da Covid queremos escorrentala disfrazándonos de espantallo anti Covid”.

Redondela

Tamén en Redondela se reinventan para adaptarse á pandemia botando man das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías. O Concello organizou un concurso de disfraces e outro de escaparates, ambos virtuais. Por outra banda, o meco redondelán, figura reivindicativa onde as haxa e que puxo o foco de atención sobre temas de actualidade, non deixará de o seu papel aínda que con cambios substanciais. Será representado por unha figura de fantasía estreitamente ligada á tradición redondelá e terá unha reivindicación clara “a necesidade de que, todos unidos, fagamos fronte á Covid-19 e gañemos esa dura batalla da que aínda non se avista o final”. Por primeira vez na historia do entroido redondelán –boa mostra da excepcionalidade deste ano– o meco non será queimado e pasará a formar parte do patrimonio cultural da vila dos viadutos. Exposto en lugar ben visible será, ao mesmo tempo, “o recordatorio da loita de todo un pobo contra a máis grave crise sanitaria das últimas décadas e a figura visible dunha das senlleiras tradicións redondelás”, apuntan dende o Concello. Outro tanto acontecerá en Chapela co seu berete. Doutra banda, a tradicional lectura será substituída por un proxecto audiovisual que chegará a todos os recunchos do municipio.

Ponteareas

Tamén en Ponteareas lembrarán o entroido das últimas décadas a través da pantalla. Mediante diversos contidos audiovisuais nas redes sociais, con fotografías e vídeos de contido histórico, recordarase a actividade festiva propia da vila do Tea nestas datas, contribuíndo así ademais á recuperación da memoria histórica. Tamén a través de imaxes, a exposición “O Entroido ponteareán no tempo” levará aos escaparates comerciais o colorido, a espontaneidade, os detalles, a alegría e a tradición desta celebración tan arraigada e que este ano non se pode desenvolver como de costume pola situación sanitaria. Así mesmo, varios comercios da localidade adobían as súas vitrinas con vestimentas portadas nos últimos anos polas comparsas e cedidas polas mesmas.

O Rosal

E no Rosal tamén botan a vista atrás a través dunha exposición ao aire libre de fotografías antigas do entroido no municipio que loce, dende onte e ata o vindeiro mércores 17, na praza do Calvario.

Salceda de Caselas

Na Louriña, Salceda de Caselas renuncia ao enfrontamento entre os barrios da Feira e Castro Barreiro. Máis dun século mantendo viva a rivalidade por organizar o mellor entroido, coa carroza máis grande, o disfrace máis orixinal e a música máis festeira. A Covid impediu aos veciños celebrar moitas das actividades recadadoras que fan posible a organización da festa, polo que xa no mes de outubro, cando aínda non se falaba da terceira onda da pandemia, A Feira e Castro Barreiro xa daban por perdido o entroido deste ano. A primeira vez que se cancela no Barreiro, pois, durante a Guerra Civil, cando estaba prohibido o entroido, os máis vellos do barrio recordan que os veciños da Feira camuflaron a festa cunha celebración en honra a un santo. Con todo, tanto na Feira como en Castro Barreiro pensaron alternativas para trasladar o combate ás redes sociais. “Non vamos a pasar estes días sen pena nin gloria”, comenta Rocío Troncoso, do Barreiro, mentres que Abel Pérez, da Feira, anuncia sorpresas.
Por outra banda, dende o Concello tamén apostan por manter vivo o espírito do seu histórico entroido celebrando diversos actos de xeito virtual. Entre as actividades previstas estará o I Concurso de Disfraces de Entroido no que se pode participar enviando unha fotografía por correo electrónico ao enderezo cultura@salcedadecaselas.gal ou por WhatsApp ao número 675232832, antes de mañá, 14 de febrero, ás 23.59 horas. As fotografías participantes serán publicadas nas redes sociais do Concello o luns e as que máis “gústame” teñan serán as gañadoras. Estableceranse tres categorías: individual, conviventes e votación popular, que contarán como premio cun vale de compra de 100 euros para consumir nos establecementos do comercio local adheridos á Asociación de comerciantes e industriais de Salceda. Tamén está a haber obradoiros virtuais, dende onte e ata o mércores, todos os días ás 12.00 horas, aínda que logo se colgan nas redes sociais para que calquera que así o desexe poida velo. O primeiro deles foi de maquillaxe, o de hoxe é de sombreiro de arlequín, no de mañá amosarase a como elaborar galletas de entroido, no do luns aprenderemos a facer unha coroa e variña máxica, o do martes volverá a ser de maquillaxe e o mércores de anteollos divertidos. Tamén haberá mostras de fotografías e vídeos dos entroidos de edicións pasadas.

O Porriño

No Porriño, a praza de abastos acolle dende comezos de mes unha exposición de máscaras de entroido e ata o vindeiro mércores está aberto o prazo para participar na mostra de máscaras hixiénicas decoradas organizada polo Concello. As fotografías coa máscara, decorada e posta, deben enviarse ao enderezo de correo electrónico cultura@oporrino.org. Coas imaxes recibidas farase unha mostra en liña na web ecultura.net. As persoas participantes recibirán un obsequio.

Mos

Na casa e con moito sentidiño así presenta Mos o seu entroido 2021. Baixo o lema “O mellor entroido de Mos está na túa casa” dende o Concello organizan un programa de actividades que comeza hoxe mesmo, ás 11.00 horas, con obradoiros de cociña e a elaboración da receita do lacón con grelos, pola tarde ás 17.00 horas tocaralle a quenda ás emblemáticas orellas de entroido. Mañá continuarán os talleres gastronómicos coa publicación da receita do cocido ás 10.00 horas e das filloas ás 17.00 horas e a continuación, ás 18.00 horas, realizarase o desfile virtual de entroido coa publicación das fotografías presentadas ao concurso de disfraces, para o cal rematou esta pasada medianoite o prazo de envío de imaxes. A primeira edición deste certame está dirixida a nenos, adultos e familias conviventes. A categoría de participación é única e haberá tres premios, de 200, 150 e 100 euros, a gastar en establecementos non esenciais do Concello de Mos (librerías, tendas de roupa, hostalería, salóns de beleza, centros de estética ou florerías, entre outros). A elección das persoas gañadoras farase mediante a votación da poboación xeral e un xurado que terá en conta criterios como a orixinalidade ou a posta en escena. Así, dende mañá, en canto se publiquen as fotos, e ata ás 00.00 horas do mércores 17 as dez que teñan máis “Me gusta” pasarán a ser supervisadas polo xurado composto pola concelleira de Cultura, un funcionario do departamento de Participación Cidadá, un profesional da fotografía, un profesional da artesanía e a moda, un profesional da estética e o maquillaxe e dous profesionais do mundo do espectáculo. Os gañadores daranse a coñecer o mércores pola tarde a través dunha publicación na páxina web do Concello e no Facebook do Concello e da Omix.

O luns 15 ás 10.00 horas terá lugar o primeiro Reto tiktoker: Eu podo……e ti?; ás 11.00 horas pintacaras Pirata e cervo a cargo do alumnado do Ciclo Superior de Educación Infantil do Colexio Lar, que repetirán nas seguintes dúas xornadas; ás 12.00 horas obradoiros na casa: manualidades, xadrez e máscaras para imprimir e colorear e ás 13.00 horas elaboramos o noso disfrace. O martes 16 ás 10.00 horas, segundo Reto tiktoker: Eu podo……e ti?; ás 11.00 horas pintacaras Maruxiña; ás 12.00 horas elaboramos o noso disfrace e ás 13.00 horas obradoiros na casa: manualidades, xadrez e Quiz Entroido polo mundo. E por último, o mércores de cinsa, ás 10.00 horas farase o terceiro reto tiktoker: Eu podo……e ti?; ás 11.00 horas pintacaras Calavera Mexicana – Tigre; ás 12.00 horas obradoiros na casa: manualidades, xadrez e vídeo realizado polos nenos do Club Xadrez Mos; ás 13.00 horas elaboramos o noso disfrace e rematarase a programación ás 18.00 horas co fallo dos gañadores do concurso de disfraces.

Tui

En Tui tamén convidan a celebrar o Entroido na casa e compartilo nas redes sociais. Non haberá actividades presenciais e dende o Concello, co fin de manter vivo este festexo tradicional animan aos veciños a fotografase disfrazado e subir as imaxes coa etiqueta #EntroidoTui. Do mesmo xeito, nun xesto de lembranza aos entroidos de anos pasados tamén convidan a compartir fotografías antigas.

Soutomaior

Confientroido, un entroido para andar pola casa, así chaman no Concello de Soutomaior ao seu particular entroido deste ano. Organízanse obradoiros virtuais de disfraces e complementos e tamén de cociña para os máis larpeiros, nos que se mostrarán receitas de sobremesas típicas destas datas. Non faltará tampouco o tradicional concurso de disfraces, que será virtual e con dúas modalidades, unha de photocall (foto) e outra de murgas (video) nas que se pode participar individualmente, por unidades de convivencia ou tamén a través dos centros educativos. Contémplase a maiores unha modalidade especial de escaparates dirixida a comercios e establecementos do municipio. Os traballos premiados serán seleccionados por votación popular a través da web do Concello desde ás 14.00 horas do mércores 17, momento ata o que estarán abertas as inscricións, ás 23.00 horas do domingo 21. Outorgaranse tres premios únicos para a modalidade de photocall, outros tres para escaparates e outros tantos para murga; serán os tres máis votados en cada categoría e gañarán vales de compra de 100 euros (photocall) e 120 euros (escaparates e murga) para gastar en compras no comercio local.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES