O lume orixinouse de noite nun galpón anexo á nave principal, onde os donos gardaban serrín.

Unhas 4.000 aves de corral, entre polos e pavos, morreron nun incendio declarado a pasada noite nunha granxa dedicada á explotación destes animais, situada no lugar da Salgosa, en Tomiño.

O lume orixinouse nun pendello próximo á granxa e as lapas estendéronse rapidamente á nave onde estaban almacenadas as aves.

O 112 Galicia recibiu a alerta a través das chamadas de varios veciños da zona ás 23:15 horas. Decontado, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros do Porriño e tamén aos efectivos do GES da Guarda.

Unha vez no lugar, os equipos de extinción traballaron para conter o lume que provocou algúns danos estruturais. Previamente, os veciños da zona e os donos da explotación tamén colaboraron con mangueiras de auga.

Por precaución, desde o 112 Galicia púxose a situación en coñecemento dos profesionais de urxencias sanitarias, pero malia que ningunha persoa resultou ferida, pereceron as 4.000 galiñas que habitaban a granxa.

Para prestar apoio aos equipos de intervención, desde o 112 avisouse tamén á Garda Civil, aos membros de Protección Civil de Tomiño e ás autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.

¿E ti, es de Tweet?