viernes, abril 19, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoA Guarda acode ao seu remanente para mellorar servizos e instalacións

A Guarda acode ao seu remanente para mellorar servizos e instalacións

Aproba en pleno un crédito extraordinario de medio millón de euros para financiar obras en instalación deportivas o a compra dun camión do lixo.

A corporación municipal da Guarda celebrou esta semana un pleno extraordinario de contido económico para aprobar créditos por valor de medio millón de euros con cargo ao seu remanente de tesourería. Con estes cartos, o goberno local pensa acometer distintos investimentos de carácter urxente na procura de mellorar servicios e instalacións.

Un deles é o servizo de recollida de lixo de xestión municipal, que nestes momentos conta con dous camións. O camión de maior envergadura chegou ao final da súa vida útil, polo que era necesario proceder á adquisición dun novo vehículo. O orzamento previsto para esta inversión acada os 100.000 euros.

No ámbito deportivo o Concello está pechando tres convenios coa Secretaría Xeral para o Deporte. Estes tres convenios requiren dunha achega municipal do 20%. O primeiro destes convenios consiste na instalación dun videomarcador no pavillón municipal da Sangriña. No mesmo pavillón procederase á instalación dun sistema anticondensación para evitar un dos problemas máis graves que tiña o recinto deportivo.

Por último, a cuberta do club de remo Robaleira sufriu no último ano un deterioro importante debido á climatoloxía, polo que é necesario acometer a renovación da cuberta e o pintado exterior das instalacións. A suma dos tres convenios supera o importe dos 147.000 euros.

Ademais do anterior, no Porto están contempladas dúas actuacións, a primeira é a modificación dos contedores no inicio da rúa do porto para facilitar a recollida de lixo e mellorar o seu entorno para conseguir a separación física entre os contedores e a zona de terrazas. E debido ao incremento de vehículos que están utilizando a estrada entre o Porto da Guarda e a depuradora, o Concello tomou a determinación de completar o pavimentado en adoquín no ancho de toda a estrada, esta obra ten un custo aproximado dos 77.000 euros.

Ademais destes investimentos tamén se aprobou unha partida de 75.000 euros para axudas COVID para os sectores afectados pola pandemia. Este acordo da cumprimento ao acordo plenario, adoptado hai unhas semanas, de adicar o 1% do orzamento municipal para este fin.

ARTIGOS RELACIONADOS

+ POPULAR

COMENTARIOS RECENTES