En dúas semanas, preto de 200 personas inscribíronse no rexistro impulsado polo Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Río Miño.

O peche dos pasos transfronteirizos, en vigor dende o pasado 31 de xaneiro e que se manterá aló menos ata despois de Semana Santa, supón un importante prexuízo para centos de persoas traballadoras que están a perder tempo e diñeiro diariamente ao non ter todos os pasos da fronteira abertos. Entre eles hai xa preto de 200 traballadores e traballadoras da zona transfronteiriza que se inscribiron no rexistro posto en marcha hai tan só 15 días pola AECT Río Miño onde salientan os custes económicos e de tempo pero tamén o “cansazo físico e psicolóxico” que lles produce esta situación.

O formulario pódese cubrir online na web smartminho.eu cos datos sobre o tipo de prexuízo sufrido: perdas de tempo, aumento de custes de viaxe ou redución de clientela. A intención é que eses datos poidan servir de base para reclamar posibles indenmizacións. De feito, o vicedirector Uxío Benítez, insiste na necesaria compensación das institucións (a través de fondos europeos) polo dobre impacto que sufre a fronteira: o da COVID e o do peche dos pasos.

Nalgúns casos, as persoas traballadoras rexistradas explican que teñen que facer ducias de quilómetros a maiores, con conseguinte gasto en combustible e tempo ao que hai que engadir as esperas que se producen en Tui, un auténtico funil nalgunhas horas do día ao teren os condutores que agardar a que as autoridades fronteirizas comproben o permiso que lles autoriza cruzar ao outro lado da ponte.

As queixas rexistradas pertencen a persoas residentes en diferentes concellos, tanto de Galiza como de Portugal, malia que son maioría as que viven no sur de Pontevedra e teñen que desprazarse ao norte do país luso, principalmente Valença, Vilanova de Cerveira e Monçao.

Unha das reclamacións máis repetidas é a de veciños e veciñas que sendo de Salvaterra traballan en Monçao ou residindo en Tomiño se desprazan diariamente a Vilanova de Cerveira. En ambos os dous casos teñen que dar un rodeo de ducias de quilómetros ata chegar a Tui para poder cruzar ao outro lado da fronteira. Un traxecto que de estaren abertos tanto a Ponte da Amizade en Goián como os pasos de Salvaterra-Monçao e Arbo-Melgaço sería cuestión de minutos.

Prexuízos que están a relatar cada unha das persoas afectadas por este peche quen subliñan que se ven obrigadas a percorrer máis distancia e gastar máis tempo no traxecto entre a residencia e o lugar de traballo, que están a padecer un aumento do custo do desprazamento ou mesmo unha redución de clientes procedentes da outra marxe. Persoas que falan de custes económicos pero tamén de cansazo físico e moral por unha situación que se repite e que lles afecta a súa vida laboral e familiar “a saúde mental vese claramente afectada pola ansiedade e o estres diario que isto provoca”.

Percorridos de 100 quilómetros

Neste sentido algunha das queixas máis repetidas falan de que “dende que pecharon a fronteira temos que facer 100 quilómetros mais, o que significa botar unha hora mais de viaxe; os gastos ocasionados andan a volta dos 350 euros mensuais cando da outra maneira non chegaban a 100 euros” ou explican que “debido ao peche fronteirizo, un camiño de 25 minutos ata o traballo tense convertido nun traxecto de 50 minutos a ida e case dúas horas de camiño de volta polos controis”.

Mesmo quen ademais de relatar a súa situación particular lembra que se sinte “novamente prexudicada a nivel persoal, psicolóxico e económico como xa o fora entre o 16 de abril e o 1 de xullo 2020, repetíndose unha situación que provoca un inevitable aumento do cansazo físico e psicolóxico”.

 

¿E ti, es de Tweet?