HomeNewsActualidadeO Porriño lanza unha recollida de xoguetes novos para o Servizo de...

O Porriño lanza unha recollida de xoguetes novos para o Servizo de Benestar Social do concello

O Concello do Porriño pon en marcha a campaña solidaria “A ilusión se comparte”, unha iniciativa promovida en colaboración coa hostalería local para a recollida de xoguetes novos que “axuden a Melchor, Gaspar e Baltasar no seu importante labor nestas datas”.

O local El Patio será o punto de encontro para a recollida de xoguetes destinados ao Servizo de Benestar Social do Concello, que se encargará da súa distribución. A veciñanza poderá achegar os seus agasallos desde o xoves 26 de novembro ata o sábado 2 de xaneiro. Os xoguetes deberán ser novos e, preferiblemente, estar empaquetados, para facilitar o seu reparto.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, agradeceu a “implicación da hostalería local e destacou a importancia da colaboración entre os distintos sectores da vila para impulsar iniciativas solidarias” e animou á cidadanía a “participar nesta recollida para contribuír a que ningún neno ou nena quede sen agasallo nestas festas”.

Nadal nos centros educativos

A programación do Nadal nos centros educativos contará tamén cunha visita moi especial. O Elfo Travieso percorrerá os colexios do Porriño os días 14, 15 e 17 de decembro, grazas á iniciativa das concellerías de Educación, Cultura e OMIX.

Esta proposta, dirixida ao alumnado de Educación Infantil e Primaria, permitirá que arredor de 1.114 escolares reciban a visita desta divertida personaxe, que percorrerá as aulas para saudar os nenos e nenas, interactuar con eles e recoller os seus desexos e ilusións para estas datas tan sinaladas.

O percorrido comezará o día 14 nos centros CPR Santo Tomás e CPR Hermanos Quiroga. O día 15 continuará nos colexios CEIPP Antonio Palacios, CEIPP de Atios, CEIP da Ribeira e Aceesca. Finalmente, o día 17 concluirá as visitas no CEIP Cruz Budiño, na EI de Mosende e no CEIP Fernández López.

Desde a Concellería de Educación destácase a importancia de promover actividades que “contribúan a crear un ambiente de ilusión, convivencia e participación nos centros educativos”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS