O Concello de Salceda de Caselas levou adiante en sesión plenaria, e por unanimidade de todos os grupos políticos, a aprobación inicial da modificación do Regulamento municipal de axudas de emerxencia social. Esta actualización busca adaptar o marco legal á realidade económica actual da veciñanza, así como ampliar a cobertura e responder ás situacións de vulnerabilidade con maior efectividade.
O prazo para presentar alegacións permanece aberto ata o 16 de decembro, e o texto pode consultarse no taboleiro da sede electrónica do Concello.
En palabras da alcaldesa, Loli Castiñeira, “con esta revisión integral, reforzamos a rede de protección social, adaptando o acceso da veciñanza ás axudas sociais e axustándoo ás necesidades reais e á diversidade de situacións de urxencia que lle poden afectar a cada familia, con unha especial atención ás dificultades que poidan producirse no dereito á vivenda”.
A través dos Servizos Sociais municipais, e moi especialmente do “traballo desenvolvido polas traballadoras sociais”, o Concello proporciona atención e apoio a quen atravesa momentos de dificultade económica que impiden facer fronte a determinados gastos fundamentais. Durante o Pleno, a concelleira de benestar social, Selene González, quixo agradecer expresamente o “traballo técnico e o compromiso amosado polo equipo de Servizos Sociais no traballo de modificación desta Ordenanza”.
“Estas axudas económicas deben entenderse como un instrumento e non como un fin en si mesmo, funcionando como un recurso de integración social de carácter extraordinario e puntual, e nunca de forma periódica”, asegurou a concelleira.
Melloras significativas en ámbitos de atención prioritaria
Vivenda e subministracións
“Debido á dificultade de mantemento do fogar”, a contía máxima da cota mensual do alugueiro ou hipoteca para poder acceder a esta axuda elévase de 450 a 600 euros. Ademais, incorpórase a posibilidade de financiar actuacións para a dotación de servizos básicos de accesibilidade, eficiencia enerxética e hixiene no fogar.
Alimentación e servizos básicos
A maiores das existentes axudas para a compra de alimentos e produtos de hixiene e limpeza, engádese a cobertura de servizos de restauración para aquelas persoas que, por circunstancias debidamente xustificadas, non poidan comprar os alimentos por si mesmas.
- Saúde e tratamentos complementarios
Con esta nova actualización, será posible financiar de xeito puntual tratamentos para enfermidades dexeerativas (fisioterapia, psicoloxía, logopedia e outras disciplinas complementarias ao servizo médico).
Educación e necesidades básicas
A ordenanza suma a posibilidade de financiar de forma excepcional roupa e calzado, así como axudas ao estudo para persoas que cursen a súa formación en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Gastos funerarios
Amplíanse as explicacións dos gastos que se poden chegar a financiar no caso de axuda económica para un enterro e o servizo funerario básico.

