HomeNewsActualidadeArbo abre as portas do concurso de decoración de Nadal a comerciantes,...

Arbo abre as portas do concurso de decoración de Nadal a comerciantes, veciños e asociacións

Por quinto ano consecutivo, o Concello de Arbo pon en marcha o V Concurso de Decoración Navideña “Arbo no Nadal”, un certame dirixido ás asociacións, colectivos, establecementos comerciais e particulares do municipio que busca transformar a localidade nunha contorna acolledora e ilusionante durante as festas.

O rexedor municipal, Horacio Gil Expósito, destacou a consolidación desta proposta no calendario festivo da vila e puxo en valor a implicación veciñal das edicións anteriores: “Chegar á quinta edición deste concurso demostra que a veciñanza de Arbo ten ganas de participar, de facer vila e de compartir o mellor do noso espírito comunitario. Animamos ás familias, ás asociacións e ao noso tecido comercial a deixar voar a súa creatividade para que Arbo luzca máis bonito ca nunca e para que o ambiente nas rúas sirva tamén de impulso para o noso comercio de proximidade”.

A convocatoria ten como finalidade principal fomentar o desenvolvemento comunitario e dinamizar a vida social e económica da vila así como contribuír a dispoñer de elementos decorativos que acheguen á localidade unha contorna de Nadal acolledora e ilusionante. Ao tempo, o certame busca dar protagonismo activo aos e ás cidadás e colectivos como fonte de desenvolvemento e intervención comunitarias na localidade, fomentar aqueles valores locais que queden expostos nos distintos elementos decorativos do Nadal e apoiar o comercio local. 

O concurso estrutúrase en tres modalidades para dar cabida a toda a veciñanza: a Categoría A (Casas e vivendas familiares), dirixida a todas aquelas persoas que realicen a súa montaxe no seu balcón, xanela, porta, fachada de casa ou xardín exterior; a Categoría B (Comercios e empresas), destinada aos comercios ou empresas do Concello de Arbo que decoren os seus establecementos, fachadas, balcóns ou escaparates; e a Categoría C (Premio especial para comunidades de veciños, asociacións, barrios, rúas, parroquias ou prazas), aberta á participación conxunta de asociacións, colectivos e espazos veciñais.

En canto aos requisitos artísticos, a decoración deberá gardar relación coa festividade do Nadal e os seus motivos tradicionais, contando os participantes con plena liberdade en canto a técnica, estilo e materiais, incluíndo o uso de elementos iluminativos. Os participantes cederán o dereito de imaxe da súa decoración ao Concello de Arbo para a súa difusión institucional.

As persoas e entidades interesadas poderán formalizar a súa inscrición desde o 20 de novembro ata o 7 de decembro de 2026 por dúas vías: de xeito presencial ou por correo postal no Rexistro Xeral do Concello de Arbo (Praza Consistorio nº 1, 36430 Arbo, Pontevedra), en sobre pechado indicando na embalaxe “V Concurso de Decoración Navideña Arbo no Nadal”, ou ben por vía telemática enviando a documentación ao correo electrónico oficinas.concellodearbo@gmail.com.

Xunto co formulario de inscrición cumprimentado, deberá presentarse un máximo de tres fotografías da decoración realizada (en formato dixital ou papel) e un vídeo breve do conxunto decorado.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS