A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, acompañada polo concelleiro de Ensino, Ricardo González, veñen de visitar o IES Plurilingüe Pedra da Auga para coñecer de primeira man o estado das obras de renovación de parte da cuberta do centro educativo e as incidencias que se están producindo durante a súa execución.
Co obxectivo de realizar unha valoración conxunta da situación e facilitar a procura de solucións, a alcaldesa contou na visita cos responsables da Consellería de Educación, administración competente e promotora da actuación, así como os representantes da empresa encargada da execución dos traballos.
Deste xeito, participaron no encontro o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares; a responsable da Unidade Técnica da Consellería; representantes da empresa adxudicataria; o equipo directivo do instituto e a presidenta da ANPA.
Durante a visita, os asistentes percorreron distintas dependencias do centro, entre elas a cafetería e unha das aulas afectadas polas filtracións de auga, e analizaron as incidencias detectadas, así como as medidas necesarias para reducir as molestias ocasionadas ao alumnado e ao profesorado.
No transcurso da reunión, os responsables da Consellería de Educación e da empresa construtora abordaron o estado actual dos traballos, os problemas rexistrados e as actuacións necesarias para completar a intervención nas debidas condicións.
A empresa adxudicataria trasladou o seu compromiso de “finalizar os traballos pendentes no menor prazo posible”, extremando o cumprimento das medidas de seguridade e prevención de riscos e organizando as actuacións de maneira que interfiran o mínimo posible na actividade lectiva.

