O futuro Centro de Coidados Intermedios do Rebullón segue avanzando coa concesión da licenza de obra maior por parte do Concello de Mos, un novo paso que permite progresar na execución deste proxecto, destinado a ofrecer atención especializada a persoas maiores que precisan recuperación ou rehabilitación tras unha hospitalización.
Ata o momento, viñan desenvolvéndose diferentes traballos previos necesarios para preparar a actuación. Coa licenza de obra maior xa concedida, o proxecto pode avanzar nunha nova fase para continuar co seu desenvolvemento.
A actuación foi adxudicada por máis de 10,4M€ e permitirá habilitar un centro con capacidade para 61 prazas (58 de residencia e 3 de enfermería). O novo equipamento transformará parte das antigas instalacións do Hospital do Rebullón nun recurso público destinado aos coidados intermedios e á recuperación de persoas maiores antes do seu regreso ao domicilio ou do acceso a un centro residencial.
Incluído no ámbito da Consellería de Política Social e Igualdade, o centro estará orientado á promoción da autonomía persoal e á prevención da dependencia de persoas maiores e persoas con discapacidade.
O proxecto contempla diferentes áreas independentes, entre elas espazos comúns, servizos xerais, coidados sociosanitarios e unha zona residencial, ademais de zonas axardinadas e aparcamento.

