HomeNewsActualidadeA Policía Local do Porriño incorporará catro novos axentes para reforzar a...

A Policía Local do Porriño incorporará catro novos axentes para reforzar a seguridade cidadá

A Policía Local do Porriño sumará catro novos axentes ao seu equipo grazas ás prazas habilitadas na Relación de Postos de Traballo (RPT) trala aprobación do orzamento municipal. Con este reforzo policial, o Concello busca “mellorar a seguridade no municipio e evitar que se repitan actos de vandalismo” como os destrozos causados nunha pasarela do río Louro esta fin de semana. 

As incorporacións, explica o alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, “faranse do xeito máis axil posible”, de feito, aprobouse xa un convenio de colaboración coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia para convocar este novo proceso selectivo no servizo. 

En total serán catro prazas coas que o Concello “quere reforzar a seguridade no municipio”, explica Lorenzo que destacou o “importante labor que realizan os 19 axentes que compoñen o servizo” ao tempo que apuntou que, “cunha poboación en constante crecemento e un municipio en plena expansión, resulta imprescindible reforzar o corpo policial”.

Fixo estas declaracións xunto ao Concelleiro de patrimonio parroquial e rural, Marcos Martínez, durante a visita ao arranxo dunha das pasarelas do Paseo do Louro que amenceu este domingo destrozada tras “uns actos vandálicos totalmente reprochables e que non imos a permitir”, apuntou. A pasarela está a ser reparada de novo. Ademais, esa mesma madrugada vandalizouse tamén unha mesa neste mesmo paseo e arrancaron flores na rúa peonil do Porriño. 

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS