Os concellos de Arbo, As Neves e Crecente promoven o acondicionamento de local que servirá como base para Protección Civil, situada no Lugar Chan, no recinto do Cuartel da Garda Civil de Arbo, coa finalidade de mellorar as infraestruturas municipais destinadas á prestación dun servizo público esencial para a cidadanía.
A intervención proxectada ten por obxecto a adecuación funcional dun inmoble municipal existente mediante a súa redistribución interior para habilitar un office con cociña, vestiarios masculino e feminino, espazo de almacén e a adaptación das instalacións de abastecemento, saneamento, electricidade e iluminación, permitindo que as dependencias dean resposta ás necesidades actuais do Servizo Municipal de Protección Civil.
“O Servizo Municipal de Protección Civil constitúe un recurso esencial para os concellos de Arbo, As Neves e Crecente, desenvolvendo funcións permanentes de prevención, apoio operativo e intervención ante situacións de emerxencia, accidentes, fenómenos meteorolóxicos adversos, incendios, dispositivos preventivos e colaboración cos distintos servizos públicos de emerxencias e seguridade” aseguran dende o goberno local de Arbo. “A existencia dunhas instalacións adecuadas resulta imprescindible para garantir a organización do voluntariado, a custodia do material operativo, a correcta preparación das intervencións e unhas condicións dignas de traballo para o persoal que presta este servizo de maneira continuada”.
As obras son financiadas a través da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, grazas a un convenio asinado que inclúe unha achega de 48.399,83 €, importe que representa o 100% do orzamento do proxecto.

