O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar coa alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, o convenio para a mellora da eficiencia enerxética da envolvente e ampliación do edificio da piscina e da sala de fitness do municipio.
O proxecto enmárcase na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra e consiste na ampliación da planta de acceso coa finalidade de facer un edificio totalmente accesible. As características construtivas para a ampliación inclúen o movemento de terras, cimentación, construción de novas infraestruturas en madeira e formigón, instalación de cubertas, peches e carpintería exterior. Mentres que para as divisións interiores recorrerase a acabados cerámicos, así como unha nova instalación para as redes de saneamento, fontanería, climatización, electricidade, telecomunicacións e audiovisuais. Do mesmo xeito, a cuberta terá unha nova envolvente para mellorar a eficiencia enerxética.

