O Porriño celebrará este sábado, 10 de outubro, a VIII Feira do Pan do Porriño, unha cita xa consolidada no calendario gastronómico e festivo do municipio que busca poñer en valor un dos produtos máis representativos da identidade local, o Pan do Porriño, cunha tradición documentada que se remonta ao ano 1600.
A Praza do Concello volverá converterse durante toda a xornada nun gran escaparate da tradición panadeira da vila, cun programa pensado para todos os públicos no que se combinarán gastronomía, cultura, divulgación e música, reivindicando ao mesmo tempo o traballo dos panadeiros e panadeiras que manteñen vivo un oficio estreitamente ligado á historia do Porriño.
A xornada festiva e divulgativa contará cun amplo abano de propostas deseñadas para poñer en valor o produto estrela do municipio e ofrecer opcións de lecer para todos os públicos. A apertura institucional dará paso a unha mañá onde o folclore e a gastronomía irán da man, destacando os obradoiros de cociña en directo (showcookings) coa a cociñeira Coque Fariña nos que se amosarán as múltiples posibilidades culinarias do pan local acompañadas de degustacións.
Xa pola tarde, as familias terán un protagonismo especial coas actividades infantiles orientadas a achegar o oficio do pan aos máis pequenos, seguidas de novas degustacións de calidade e concertos musicais que poñerán o broche final a esta cita organizada co apoio do Concello do Porriño, a Xunta de Galicia e a Asociación Pan do Porriño
Os máis pequenos terán tamén un papel protagonista nesta oitava edición. De 17:00 a 18:30 horas, a Asociación Pan do Porriño desenvolverá o obradoiro “Peque Pan”, unha actividade coa que achegar aos nenos e nenas o proceso de elaboración do pan e transmitir ás novas xeracións o valor dun oficio que forma parte da historia e da cultura porriñesa.A programación continuará ás 18:30 horas coa degustación “Experiencias de Calidade”, unha sobremesa por cortesía da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), dependente da Xunta de Galicia, que se prolongará ata as 19:30 horas.
Como peche da xornada, a música chegará á Praza do Concello da man de The MusicBox Band, que actuará entre as 19:30 e as 21:00 horas.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, destacou que “a Feira do Pan é unha homenaxe á nosa historia, aos nosos panadeiros e panadeiras e a un produto que leva o nome do Porriño alá onde vai. O Pan do Porriño forma parte da nosa identidade e esta feira permítenos reivindicalo, compartilo e garantir que esta tradición continúe viva nas novas xeracións”.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Vanessa Ucha, subliñou a importancia da cita tamén desde o punto de vista da promoción do municipio. “Falar do Pan do Porriño é falar da nosa historia, pero tamén do noso presente e do potencial turístico da nosa gastronomía. Temos un produto propio, recoñecible e profundamente ligado á vila, e queremos que quen nos visite este sábado non só o probe, senón que coñeza todo o que hai detrás del: tradición, oficio, familias e séculos de historia”.

