A Garda Civil investiga a un home de 65 anos, veciño de Ponteareas, como presunto autor dun delito de incendio forestal que calcinou 89,88 hectáreas e obrigou a activar a Situación 2 en As Neves. Os feitos ocorreron o pasado 6 de agosto de 2025.
O incendio supuxo o desaloxo de 12 persoas en As Neves, o confinamento do resto de aldeas próximas e de diferentes cortes de tránsito de vehículos na autovía A52 durante os días 6 e 7 de agosto.
A investigación foi iniciada pola patrulla do SEPRONA de Tui no mesmo día que se produciu o incendio, e prolongouse ata a data actual, tal e como relatan dende o corpo de seguridade, “debido á súa complexidade”.
Na mesma, participaron compoñentes da Unidade Central Operativa de Medio Ambietne (UCOMA) da Xefactura do Seprona, co fin de apoiar ao corpo na práctica de dilixencias de investigación tecnolóxica avanzada. Grazas á colaboración cidadá, foi posible poñer o foco da investigación na persoa que finalmente foi identificada a día de hoxe.
Ao tempo, tamén colaboraron axentes da UIFO da Xunta de Galicia, concretamente na realización do informe de causas da orixe do incendio forestal, na que se determinou que era intencionado.
As dilixencias policiais foron entregadas no Tribunal de Instancia, Sección Civil e de Instrución 2 de Ponteareas, onde se encontra aberta a causa.

