HomeNewsActualidadeActivan un operativo de busca dunha persoa por terra, mar e aire...

Activan un operativo de busca dunha persoa por terra, mar e aire en Redondela

Un amplo dispositivo trata de localizar unha persoa nunha zona de mar en Redondela. O 112 recibiu un aviso na tarde de onte, pasadas as 19:30 horas, por parte dun amigo da persoa desaparecida, quen comunicaba que non conseguía contactar con ela dende o día anterior.

Segundo explicou o alertador, este desprazárase ata a vivenda do implicado, situada na zona da Formiga, na parroquia de Cedeira, e comprobou que non se atopaba no domicilio. Segundo explicou, a casa está situada xunto a un pantalán no que habitualmente, a persoa desaparecida, ten amarrada unha embarcación auxiliar tipo zódiac, que emprega para acceder a un barco. No momento da búsqueda, segundo relatan dende o 112 Galicia, a zódiac atopábase a carón do barco.

Tras recibir o aviso, o 112 Galicia alertou a Salvamento Marítimo, ao Servizo de Gardacostas de Galicia, á Garda Civil e ás policías Nacional e Local. Tamén se informou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Baixo Miño e aos voluntarios de Protección Civil de Redondela, por se fose necesaria a súa intervención.

O dispositivo esténdese agora por terra, mar e aire. Nas tarefas participan o helicóptero de rescate Pesca I, de Gardacostas de Galicia, así como embarcacións da Garda Civil e a auxiliar Don Inda, de Salvamento Marítimo. A Garda Civil despraza tamén mergulladores do seu Grupo Especial de Actividades Subacuáticas (GEAS) para colaborar na busca.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS