HomeNewsActualidadeA antiga escola de Chenlo reabre as súas portas como espazo cultural...

A antiga escola de Chenlo reabre as súas portas como espazo cultural e comunitario

A antiga escola unitaria de Chenlo xa está lista para volver a acoller vida no seu interior. Tras a finalización dos traballos de rehabilitación e mellora, o histórico inmoble reabre oficialmente as súas portas convertido nun espazo cultural e social de uso comunitario ao servizo de toda a veñanza.

A intervención, que contou cun investimento municipal de case 50.000 euros, permitiu recuperar e modernizar un edificio clave para a memoria colectiva do Porriño, adaptándoo ás necesidades actuais e garantindo a súa plena accesibilidade e eficiencia.

Coa conclusión das obras, o inmoble conta agora cun salón de actos ampliado e acondicionado para acoller eventos de gran formato, reunións e actividades multitudinarias. Así mesmo, os traballos permitiron renovar por completo a instalación eléctrica, as canalizacións e a fontanaría interior, ademais de impermeabilizar o tellado e eliminar as vellas humidades.

A reforma inclúe tamén a eliminación de todas as barreiras arquitectónicas nos accesos e no interior do local, garantindo un espazo cen por cento inclusivo. Os baños foron completamente reformados e adaptados á normativa vixente de accesibilidade e confort.

A partir de agora, as instalacións acollerán unha ampla programación de cursos, obradoiros, exposicións e encontros veciñais destinados a dinamizar a vida social e cultural da parroquia.

Desde o Concello do Porriño destacan que a finalización desta obra cumpre co obxectivo de “devolverlle o protagonismo a un patrimonio fundamental da parroquia”, dándolle un novo uso público sen perder a súa esencia comunitaria.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS