O Concello de Ponteareas prepárase para vivir “un dos días máis agardados e significativos” de toda a programación das súas Festas de Setembro. Este sábado, día 19, Ponteareas converterase no epicentro do folclore coa celebración do “LVIII Concurso de Gaitas do País”, unha cita histórica que segue consolidada como o certame en activo máis antigo de toda Galicia.
A xornada festiva arrancará ás 16:30 horas coa tradicional ruada dos grupos participantes, que encherán de son, ritmo e cor as rúas céntricas do municipio, quentando motores co público antes do inicio da competición. A continuación, ás 17:00 horas, o Auditorio Municipal Reveriano Soutullo acollerá o concurso, onde os mellores cuartetos tradicionais da comunidade medirán o seu talento.
O prestixioso certame conta este ano cun orzamento total de 10.000 euros destinados a galardóns e axudas institucionais. A formación que se alce co primeiro premio recibirá unha dotación económica de 2.000 euros e unha gaita tradicional galega de artesanía cedida polo Obradoiro de Gaitas Gil. Pola súa banda, o segundo clasificado obterá 1.600 euros e un tamboril de Sanín Percusión Tradicional.
O terceiro e o cuarto posto estarán dotados con 1.200 euros e 800 euros, respectivamente. Ademais, o concello concederá unha gratificación de 600 euros para cada un dos cuartetos participantes que non resulten premiados nos catro primeiros lugares.
Esta quincuaxésimo oitava edición terá unha carga emocional única, xa que a organización renderá homenaxe a Wenceslao Cabezas “Polo”. Recoñecido de xeito unánime como unha “figura cumio na transmisión, docencia e conservación da música e o baile tradicional galego”.
O concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, destacou a calidade artística do evento, sinalando que “seguimos apostando firmemente por potenciar o coñecemento dos nosos músicos e por recoñecer a traxectoria de quen mantén viva a nosa esencia”. Este sábado “non só imos desfrutar dun certame de máximo nivel no Auditorio, senón que encheremos a rúa de festa cunha gran ruada e co concerto dun grupo tan emblemático para o folclore como é A Roda”, engadiu González.
Pola súa banda, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, sinalou a relevancia de manter vivo este legado, xa que “O Concurso de Gaitas do País é o orgullo cultural da nosa vila e o máis antigo da nosa terra”. Castro destacou que este ano, ademais, “temos a honra de homenaxear a ‘Polo’, un home cuxo compromiso e xenerosidade deixaron unha pegada imborrable en xeracións de músicos galegos. Con este recoñecemento, Ponteareas devolve unha pequena parte de todo o que el nos brindou”.
Concerto de A Roda
Tras a entrega de premios e o acto de homenaxe, a celebración das Festas de Setembro continuará na rúa. Ás 21:00 horas, o Parque da Feira Vella acollerá a actuación en directo de “A Roda”. A mítica formación folk galega será a encargada de pechar esta gran xornada interpretando os seus himnos e clásicos imperecedoiros.

