HomeNewsActualidadeA cantante belga Kate Ryan, cabeza de cartel do Dabuten Remember Festival...

A cantante belga Kate Ryan, cabeza de cartel do Dabuten Remember Festival do Porriño

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, vén de desvelar un dos grandes nomes do cartel das Festas do Cristo 2026. A cantante belga Kate Ryan, considerada internacionalmente como unha das grandes raíñas das pistas de baile da década dos 2000, será a estrela principal da nova edición do Dabuten Remember Festival, un dos eventos máis agardados da programación festiva local.

Un festival gratuito que terá lugar o sábado 26 de setembro no habitual recinto de concertos do aparcadoiro da rúa Progreso. Durante a súa actuación, a artista fará un repaso polos temas máis significativos da súa traxectoria, incluíndo os recoñecidos himnos do dance europeo que marcaron a varias xeracións. Entre eles non faltarán as súas famosas versións de clásicos da música francesa como Désenchantée, Ella, elle l’a ou Voyage Voyage, xunto con Je t’adore, canción coa que representou ao seu país no Festival de Eurovisión no ano 2006.

Desde a organización destacan que “a presenza de Ryan supón unha aposta firme por ofrecer un espectáculo de primeiro nivel dentro dun festival deseñado para revivir a nostalxia musical dos anos 90 e principios do século XXI”. O Dabuten Remember Festival busca así consolidarse como un punto de encontro interxeracional consciente de que este encontro atraerá tanto á veciñanza do Porriño como a visitantes de toda a comarca da Louriña e do sur da provincia.

Festas do Cristo 2026

Antes de que chegue Kate Ryan e a semana grande das festas, o Concello do Porriño continúa coa programación  do Cristo cunha fin de semana na que a música e a cultura para todos os públicos serán de novo as protagonistas. Entre as citas máis destacadas atópase o concerto de Uxía, que presentará o domingo 20 de setembro o seu espectáculo Será por flores na praza Arquitecto Antonio Palacios.

Xa o xoves 17, ás 19:00 horas, temos a proposta familiar Hamelin, de Fran Rei. Un espectáculo de narración oral, maxia e humor dirixido a público familiar a partir de 3 anos, que ofrece unha revisión da popular historia para poñer en valor a diversidade e a integración.

O sábado 19 de setembro celebrarase durante toda a xornada o Día do Peregrino e do Turista, cunha programación especial na praza Arquitecto Antonio Palacios para recibir ás persoas que visitan o municipio e poñer en valor a importancia do Camiño de Santiago e do turismo para O Porriño. Xa pola tarde, ás 20:00 horas, a mesma praza acollerá o concerto de Rafael Yebra & Oswaldo Oro, unha proposta que une saxofón e guitarra a través dun repertorio que percorre diferentes estilos e estéticas: jazz, música clásica, contemporánea, pop ou rock entre outros.

O domingo 20, ás 19:00 horas, chegará un dos grandes momentos da fin de semana co concerto de Uxía e o seu espectáculo Será por flores. A artista galega celebra catro décadas de traxectoria cunha proposta única e intimista na que revisita os piares da súa carreira e percorre as súas raíces musicais, acompañada dunha banda de músicos baixo a dirección musical de Pablo Novoa.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, destacou que “esta fin de semana continúa ofrecendo propostas moi variadas dentro das Festas do Cristo, pensadas para que poidan gozar delas veciños e veciñas de todas as idades”. O rexedor puxo especialmente en valor “a oportunidade de contar no Porriño cunha artista da traxectoria e do prestixio de Uxía, nun concerto que será, sen dúbida, unha das grandes citas destas festas”.

A programación complétase con diferentes actividades deportivas, entre elas a presentación do Club Ximnasia Rítmica Porriño o venres, o Atios Cup e o Torneo de Tenis o sábado, así como a IV Carreira de Empresas Galicia – XV Interrunning do domingo, unha cita de carácter solidario polas rúas da vila.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS