HomeNewsActualidadePortugal adquire 75 todoterreos Vamtac á firma galega Urovesa por 133 millóns...

Portugal adquire 75 todoterreos Vamtac á firma galega Urovesa por 133 millóns nun acordo con España

Os ministerios de Defensa de ambos os dous países asinaron en Oporto un memorando amparado polo programa europeo SAFE, que prevé as entregas das unidades entre 2027 e 2029 para a Infantería de Mariña lusa

A empresa galega Urovesa consolida a súa posición estratéxica co novo e importante encargo achegado dende Portugal. Os ministerios de Defensa de España e do país veciño asinaron este mércores un Memorando de Entendimiento (MoU) no Forte de São João Baptista, en Oporto, para a adquisición conxunta de vehículos militares todoterreno de alta mobilidade táctica. No caso do Estado luso, a operación supón a compra de 75 unidades por un valor estimado de 133 millóns de euros.

A sinatura do acordo contou coa presenza da ministra de Defensa española, Margarita Robles, e do seu homólogo luso, Nuno Melo, ademais doutras autoridades coma a secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, e o contralmirante Antonio Mateus. A operación inscribeuse baixo o instrumento europeo Security Action for Europe (SAFE), un mecanismo deseñado pola Unión Europea para acelerar as inversións en capacidades defensivas críticas.

Unha compra clave para o Corpo de Fuzileiros

A adquisición dos novos vehículos militares estará destinada de maneira específica ao Corpo de Fuzileiros da Marinha, a Infantería de Mariña de Portugal. Segundo trasladou o Ministerio de Defensa Nacional portugués á axencia Lusa, a decisión de elixir de novo á firma galega estivo motivada porque o Exército luso xa conta cunha ampla experiencia previa co modelo, dispoñendo de máis dun cento de unidades operativas, o que permitirá optimizar e aproveitar os recursos xa existentes.

As entregas deste novo lote están programadas para desenvolverse de maneira progresiva entre os anos 2027 e 2029. Non se trata dunha colaboración nova entre ambas as partes, xa que a compañía galega xa entregou con anterioridade 139 vehículos ao país veciño grazas a un contrato formalizado a finais de 2018 que se completou no ano 2021.

Apostas pola defensa europea

Durante o acto oficial celebrado en territorio portugués, Margarita Robles destacou a importancia do acordo non só para a cooperación bilateral, senón para a consolidación dunha defensa común no marco comunitario. Tal e como explicou a titular española, con este tipo de iniciativas e co exercicio do programa SAFE estase a poñer en valor o traballo conxunto e o compromiso coa paz e a seguridade.

Pola súa banda, o Ministerio de Defensa Nacional luso ratificou os detalles económicos e materiais dun pedido que reforza a vixencia comercial e tecnolóxica dos todoterreos Vamtac nun contexto marcado pola necesidade de potenciar as capacidades tácticas dos estados membros da Unión Europea.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS