O Concello do Porriño está aproveitando o período estival e o consecuente peche das instalacións durante o mes de agosto para acometer diversas obras de mantemento e mellora nas galiñas azuis de Torneiros e Doantes de Sangue, esta última situada no centro urbano. O obxectivo desta planificación é garantir que os traballos estean listos de cara ao inicio do novo curso, evitando así calquera molestia ou interferencia na actividade diaria da cativada e do persoal educativo.
Estas actuacións, que teñen como finalidade realizar as reparacións necesarias para garantir o bo estado e a seguridade de ambos os dous edificios públicos, suman un investimento conxunto de 70.000 euros.
O alcalde do municipio, Alejandro Lorenzo, visitou esas obras xunto o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, a concelleira de Coidados e Benestar, Bárbara Troncoso e o concelleiro de Obras, Ramón Porto. Alí asegurou que “con este investimento en infraestruturas, o goberno local reafirma o seu compromiso coa calidade do ensino dende as etapas máis temperás, aproveitando as vacacións para poñer a punto os centros educativos”, lembrando ademais que este ano entrarán en funcionamento as dúas novas escolas infantís municipais en Budiño e Pontellas.
Do mesmo xeito, o xerente do Consorcio agradecía ao Concello a súa “implicación na educación de 0 a 3 porque tamén vai poñer en marcha esas dúas novas escolas infantís polo que O Porriño se converte nun dos concellos que máis traballa na conciliación das familias que é fundamental tamén para seguir fixando poboación e que os veciños do Porriño teñan servizos públicos de calidade”
No caso do centro de Doantes de Sangue, as tarefas centraranse en mellorar a hixiene e seguridade das instalacións mediante a substitución do pavimento actual por un novo chan antideslizante nas zonas do comedor, a cociña e a despensa. Así mesmo, procederase ao pintado de paredes e teitos nunha das aulas e á colocación dunha mosquiteira na porta de acceso á cociña.
Pola súa banda, a escola infantil de Torneiros será obxecto dunha reforma de maior envergadura para solucionar problemas de humidade e mellorar a eficiencia enerxética e o confort das instalacións. Os traballos consistirán na retirada da cuberta actual e a eliminación das ventás de dita estrutura para dar paso a un novo tellado a dúas augas, que se completará coa instalación de novos canalóns e baixantes exteriores. No interior do centro, procederase ao lixado e saneamento das partes do teito deterioradas por antigas filtracións de auga e colocarase un novo falso teito con paneis acústicos. Finalmente, renovarase a instalación eléctrica coa colocación de 22 novos paneis de iluminación con tecnoloxía LED.
Ademais nesta escola, en Torneiros, instalarase un sistema de climatización. Neste caso as obras realizaranse no 2027, sempre antes do mes de maio.
O Porriño contará ademais desde este mes de setembro con dúas novas escolas infantís municipais en Pontellas e Budiño. A vindeira semana, celebrarase en ambas unha xornada de portas abertas para que a cidadanía poida ver estas novas instalacións. En ambos casos son escolas totalmente gratuitas, cos mesmos servizos que as Galiñas Azuis.
A escola infantil de Pontellas está situada no lugar da Igrexa, na antiga escola unitaria desta parroquia, que foi rehabilitada e ampliada para albergar así cinco aulas ademais dun vestíbulo, oficina, sala multiusos, aseos, vestiario, despensa e cociña. A superficie construída é de 442,56 metros cadrados, dentro dun solar cunha superficie bruta total de 4.321,98 metros cadrados.
Pola súa banda, a escola infantil da parroquia de Budiño é de nova construción: levantouse nun solar cunha superficie total de 2.982,41 metros cadrados, que na actualidade se atopaba sen edificar. A nova escola sitúase na zona do polígono das Gándaras, nunha área de transición entre a industria e o núcleo rural adxacente.

