HomeA terraA nosa culturaAs illas de San Simón e Santo Antón, declaradas oficialmente Lugar de...

As illas de San Simón e Santo Antón, declaradas oficialmente Lugar de Memoria Democrática

O BOE publica a resolución definitiva que blinda este enclave da ría de Vigo, no que permaneceron máis de 5.600 presos do franquismo e onde morreron polo menos 517 persoas

As illas de San Simón e Santo Antón pasan a formar parte do catálogo oficial de Lugares de Memoria Democrática de España. O Boletín Oficial do Estado (BOE) fixo pública este venres a resolución asinada polo secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez López, que outorga esta distinción e protección legal a toda a superficie do arquipélago redondelán. Esta medida pon o broche final a un expediente iniciado en agosto do ano 2025 ao abeiro da Lei 20/2022 de Memoria Democrática.

A declaración oficial implica que a Administración Xeral do Estado fomentará a instalación de paneis informativos, sinalización explicativa e puntos de recoñecemento ás vítimas. Ademais, o obxectivo é integrar este espazo nos circuítos internacionais de interpretación da memoria, garantindo que calquera actividade futura no arquipélago sexa compatible co respecto e a reparación moral das persoas represaliadas.

Unha historia marcada pola represión

O documento publicado no BOE detalla a dimensión tráxica deste enclave pontevedrés. A partir de outubro de 1936, tras o golpe de Estado contra a Segunda República, o xeneral franquista Martínez Anido ordenou converter o antigo lazareto insular nun campo de concentración. O obxectivo era aliviar a saturación das prisións de Vigo, Pontevedra, Ourense e Vilagarcía de Arousa.

Desde entón e ata o peche definitivo do penal, o 15 de marzo de 1943, o complexo chegou a albergar de xeito simultáneo ata 2.000 reclusos. O espazo organizábase dividindo as illas: San Simón funcionaba como zona de confinamento —con pavillóns, enfermería e cociñas—, mentres que en Santo Antón situábase o cuartel da gornición militar e o cemiterio.

A resolución recoñece tres etapas diferenciadas na vida do penal:

  • Outubro de 1936 – Verán de 1937: Reclusión de veciños da provincia de Pontevedra, sometidos a consellos de guerra e execucións directas.
  • Verán de 1937 – Febreiro de 1939: Chegada masiva de prisioneiros trala caída do fronte do Norte, o que obrigou a instalar barracóns portátiles e incluso a utilizar o vapor Upo Mendi como prisión flotante na ría.
  • Febreiro de 1939 – Marzo de 1943: A fase considerada máis dramática, marcada pola afluencia de prisioneiros de máis idade chegados desde toda España.

O papel das «madriñas de Cesantes»

O Ministerio fixo un recoñecemento explícito ao papel desempeñado pola sociedade civil local, destacando especialmente ás mulleres da parroquia de Cesantes. Coñecidas popularmente como as «madriñas», estas veciñas arriscaron a súa propia seguridade para facer chegar roupa, alimentos e correspondencia aos cautivos, converténdose no único vínculo entre os presos e as súas familias.

A nivel administrativo, a distinción non implica cambios na titularidade nin nos usos actuais. As illas seguen sendo propiedade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, mentres que a Xunta mantén a concesión de ocupación. Con todo, a partir de agora, o enclave conta cunha blindaxe legal que prioriza o recoñecemento da memoria histórica fronte a calquera outro tipo de intervención.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS